A web do val do río Neira
(A historia)


Historia Contemporánea

1-A ECONOMÍA NOS SÉCULOS XIX E XX

No século XIX a economía segue sendo agrícola de subsistencia, e dentro disto basicamente cerealeira, dedicando ó cultivo de centeo, trigo, cebada e avea, non só as cavadas do monte, as searas e senras, senón parte dos agros e cortiñas. Neste século non entrou aínda ningunha clase de mecanización nin para a sega nin para a malla, que se seguían facendo a fouciño e mallo de madeira respectivamente, o que dá idea da aínda abundante man de obra existente (o proceso migratorio comezará precisamente contra a fin do XIX). Xunto ó cereal, era tamén importante a colleita de patacas e nabos, algo menos a de millo, ferraña e outros forraxes, e o horto, que, se ben non podía faltar en cada casa, dedicábaselle moi pouco terreo. O gando vai gañando importancia, tanto as vacas, que moitas casas pasan de teren só unha parella (imprescindible para o traballo agrícola, para tirar do carro e o arado) a ter catro ou cinco exemplares (fóra das casa grandes, que tiñan máis, incluso parellas de bois para o traballo), como os porcos, as ovellas e as cabras. Hai tamén burros e mulas (non moitos, sempre se usou nesta zona máis as vacas para o traballo) e algún cabalo (de uso “señorial” por parte dos das casas grandes). Os animais de curral (“pitas” –galiñas-, coellos...) complementan a dieta alimentaria.

Fóra da agricultura e gandería, e algo de aproveitamento forestal, non había neste século a penas outra actividade económica. Tan só algúns oficios artesanais, como tecedeiras, zoqueiros, ferreiros, canteiros (aínda que estes eran case sempre de fóra, pontevedreses ambulantes maiormente), carpinteiros, e outros que en todo caso compatibilizaban a actividade artesanal coa economía agraria de subsistencia. José Villa-Amil y Castro (1886, ver Bibliografía) proporciona algúns datos da actividade artesanal das tecedeiras na zona:

-Varas de la que se tecen ó ano:
Neira de Rei e de Xusá-176
Penamaior-350
Cedrón-100
Neira de Rei e de Xusá:
Teares-41, varas de lenzo-1.295, varas de estopa-664
Láncara:
Teares-9, varas de lenzo-70, varas de estopa-120

Esta actividade debeu ter certa importancia e tradición, quedando aínda nos anos 70 do S. XX algún tear en funcionamento na montaña, na zona de Cedrón, facían nesta época xa só mantas de trapos (tipo “farrapos”).

Non será ata a segunda metade do século XX cando se comece a ver un proceso de transformación paulatino dos índices de ocupación, coa aparición de actividades económicas ligadas coa industria (algunha “serra” –aserradeiro- da madeira en Baralla, unha canteira de áridos preto de Baralla, unha fábrica de galletas e un efémero matadeiro de polos na Pobra...), a construcción, e o sector servicios (comercio, hostelería, panaderías, talleres de reparación e venda de maquinaria...), pero que seguen sendo sectores totalmente deficitarios e incapaces de absorber o excedente de poboación agraria (a emigración é consecuencia directa disto), sendo particularmente grave a inexistencia de industrias de transformación dos productos agrogandeiros e forestais que se producen.

Son elocuentes os datos de ocupacións porcentuais da poboación (datos de 1981):

NEIRA DE XUSÁ

LÁNCARA

Agricultura:

68 %

83,4 %

Industria:

5,8 %

5,2 %

Construcción:

8,9 %

1,2 %

Servicios:

17,4 %

10,3 %

2-DEMOGRAFÍA E POBOACIÓN NOS SÉCULOS XIX E XX

O Século XIX: A evolución demográfica durante o século XIXnesta zona é de aumento continuado, aínda que moderado. Contra a fin de século comézase a notar a influencia da cada vez maior emigración, nesta época sobre todo cara a Bos Aires e a Cuba. José Villa-Amil y Castro (1886, cit.) da as seguintes cifras (hai que ter en conta que fala de “veciños”, que serían “fogares habitados”, polo tanto para calcular os habitantes habería que multiplicar por 4 ou 5, segundo as épocas e os autores):

-Jurisdición de Neira de Jusá, cotos de Constantín, Piñeira, Cedrón y Villa Esteva de Herederos ... 636 vecinos
-Jurisdiciónes de Peñamayor y Neira de Rey, cotos de Piedrafita, de Campo Redondo, Villaselle, Fontes y Retiros... 586 vecinos.
-Jurisdición de Láncara, cotos de Villanueva, San Pedro de Bande y Carracedo... 176 vecinos.
-Jurisdición de la Puebla de San Julián, cotos de Cerceda y San Payo... 282 vecinos.
-Jurisdición de Sobrado de Picato, cotos de Pacios, Vale, Chazón... 134 vecinos.

José Fariña Jamardo, (1993, Ver Bibliografía) dá estas cifras de habitantes (nas que se pode constatar o descenso de poboación a fin de século en Baralla, pero aínda non en Láncara):

NEIRA DE XUSÁ

LÁNCARA

Ano 1842:

3.834 hab.

3.926 hab.

Ano 1860:

6.937 hab.

4.960 hab.

Ano 1900:

5.955 hab.

5.165 hab.

O Século XX: O aumento paulatino da natalidade (e tamén o crecemento da esperanza de vida) foi quen durante toda a primeira metade deste século de manter un moderado auxe demográfico, a pesar da emigración. Desde os anos 50 a cantidade de mozos que foron abandonando a zona foi minando tanto o censo de poboación como a capacidade de rexeneración demográfica, dando lugar a unha estructura na que predominan absolutamente as persoas maiores, con graves consecuencias económicas (falta de relevo xeracional nas explotacións agrarias e da modernización que este relevo debería comportar, falta de iniciativas para novas actividades económicas...), e sociais (dificultade de atención das necesidades especificas da xente maior, desestructuración familiar e social, falta de expectativas e dun contorno adecuado para a pouca xente nova...).

A emigración é o feito demográfico máis relevante, e nesta zona produciuse por ondas: ata os anos cincuenta predominou a ultramarina (primeiro Cuba, logo Bos Aires e finalmente Venezuela), nos 60 a europea (Suíza e Alemaña foron os principais destinos, en menor medida Francia e Inglaterra), e desde os 60 ata hoxe a peninsular (primeiro a conca mineira de Asturias e o cinto industrial de Bilbao, logo Barcelona e Madrid), nos últimos anos, amais de manterse os destinos peninsulares (Madrid sobre todo), aparece unha forma de emigración ata agora pouco frecuente: a interior, o transvase de poboación do campo para cidades próximas (Lugo sobre todo, tamén A Coruña, Vigo...) e incluso ás vilas da comarca (Sarria). O censo de habitantes, como consecuencia de todo o anterior, diminúe de ano en ano, nun proceso que aínda non se detivo hoxe en día. Os datos son elocuentes (tomados de Fariña Jamardo, 1993, cit. páxs. 64-67 e 365-66, e do padrón de 2001):

Poboación:

 

1900

1920

1940

1960

1981

2001

Baralla

5.955

6.645

7.128

5.896

4.463

3.342

Láncara

5.165

6.222

6.542

5.307

4.206

3.260

Obsérvese que o censo de 2001 dá nos dous concellos unhas cifras de habitantes que son aínda menores ás de 1842 (ver arriba). En 100 anos, tanto un concello coma o outro, gañaron arredor de 3.000 habitantes, para volvelos perder nos últimos 50 anos. Se observamos os datos máis recentes de emigrantes, pode constatarse que o descenso demográfico non se pode atribuír só a saída de xente, senón sobre todo ó avellentamento da poboación, que á súa vez é consecuencia da continuada emigración dos mozos:

Emigrantes: (datos tomados do Instituto Galego de Estatística, http://www.ige.xunta.es)

1990

1991

1992

1993

1994

1995

Baralla

49

31

68

58

72

63

Láncara

70

31

40

33

50

53

 

 

1996

1997

1998

1999

2000

2001

 

Baralla

34

36

50

54

28

57

 

Láncara

26

34

39

44

51

49

 

TOTAL Baralla: 600
TOTAL Láncara: 520

3-OS CAMBIOS NA PROPIEDADE DA TERRA DO XIX Ó XX

Dado o caracter agrícola e gandeiro desta zona, a terra é a preocupación fundamental da poboación, e durante a época contemporánea sufrirá unha transformación radical tanto a estructura da súa propiedade coma o seu réxime de explotación, coa desaparición, nas últimas décadas do XIX e primeiras do XX, do sistema foral, como fito máis relevante.

O século XIX non trae en principio grandes cambios con respecto ó "Antigo Réxime". A zona do Neira segue padecendo maioritariamente neste século o sistema foral, aínda que non son xa os grandes terratenentes ou as antigas casas nobres quen detentan a propiedade da terra, senón a fidalguía rural, que nesta zona non é normalmente absentista, e a Igrexa, as abadías (a de Samos nomeadamente). Moitas veces son casas fortes ou "casas grandes" as que posúen a maioría do terreo da labor, e elas os veciños "pagan" o foro en especie e en traballo (as aquí chamadas "rogas", xornadas de traballo que había que botar de balde para o "señor"). En cada aldea ou parroquia había unha destas casas grandes, as veces pazos ou antigas casas fidalgas, e conservaron durante todo este século os seus privilexios. Tamén a igrexa rural, a reitoral parroquial, era beneficiaria de tributos en especie, como o "Esconxuro" de cereal (un saqueto de gra para que esconxure a colleita contra o trono e a pedra -sarabia-), ou o chamado "Entrecosto do cura" (un bo anaco de cocho da matanza), e outros máis, e en rogas. Na segunda metade do século, a partir das varias "desamortizacións", que aínda que afectaron só a bens da igrexa e non tiveron aquí moita repercusión, abriron dalgún xeito o proceso, e intentos de escaso alcance, como o proxecto de Paz Novoa (durante a 1ª República, en 1873), comezou un tímido transvase da propiedade da terra para os labradores, pero non será verdadeiramente masivo ata comezos do seguinte (décadas de 1900 e 1910).

O século XX será o da definitiva "Redención Foral". No primeiro cuarto houbo en toda Galicia un movemento, asociativo e reivindicativo, o Agrarismo, que procuraba non só melloras nas condicións de vida e traballo (crearon seguros agrarios, caixas de aforro, asociacións e cooperativas...), senón unha mellora económica e social de evidentes implicacións ideolóxicas. A actividade agrarista na nosa zona estivo primeiro vinculada a "Solidadridad Gallega" e organizacións afíns, e desenvolveron unha campaña antiforal no 1908-9, de carácter abolicionista (reivindicábase a abolición dos foros, non a redención mediante indemnización ou merca), con mitins e actividades documentadas en Baralla e en Láncara. Na década de 1910 organízase a "Junta de Sociedades Agrarias", de inspiración católica, na que hai representación tamén de Láncara e de Baralla.

A redención foral desenvolveuse primeiro amparada nestas mobilizacións. Desde que no 1926 se aproba a Lei de Redención Foral, que permitía ó pagador foreiro facerse coa propiedade mediante unha indemnización ó "dono" (normalmente unhas vinte veces o valor da renda), e aínda que as condicións que se fixaran eran bastante favorables para os cobradores dos foros, e que algúns donos de foros conseguiron consolidar o dominio efectivo das terras por non poder pagar o taxado os foreiros, pouco a pouco vanse rematando neste tempo (Dictadura de Primo de Rivera e República) os últimos foros.

Para máis información sobre desamortización, o agrarismo e o proceso da desaparición dos foros, e o acceso dos labradores á propiedade plena da terra consultar o texto "A propiedade da terra: Desamortización e Redención Foral" (ver...).

A actual estructura da propiedade é de minifundio, situación á que conduciron moitos factores: a xa fragmentación parcelaria dos terreos aforados, a transmisión en herdanza a un número de fillos elevado e que buscaba sempre deixar "algo de todo" (algo de prado, algo de horta, algo de leiras de agro... imprescindible nunha economía de subsistencia, non comercial) a cada un dos fillos (aínda que se mellorase só un), a inexistencia de planos de concentración parcelaria, a propia orografía do terreo, pouco propicia para as grandes extensións...

Os montes son un caso aparte, pois a maioría son de dominio común. No pasado tiveron grande importancia polo seu aproveitamento para sementar cereal, para pastos, para rozar toxos para as cortes, tamén para leña (xestas, uces…), e para a caza, pero hoxe o seu uso é xeralmente forestal ou “inculto”.Sobre os montes tamén pesaban cargas de dominios señoriais, pero foron declarados de “man común”, veciñais. Algúns dos de maior extensión son os de Vilares, Neira de Rei (197 hectáreas), Guimarei (364 Has.), Covas (207 Has.), A Ílloa e A Cha, Souto (144 Has.), Vilaesteva (169 Has.), etc.

Nos últimos anos, ante a crecente desocupación das fincas, por abandono das casas ou por abandono da actividade agraria (emigración, falta de xente nova, ver “demografía”), estase producindo un abandono efectivo de moito terreo que foi de labor, para quedar inculto ou ser replantado con especies forestais case sempre foráneas, na maioría dos casos piñeiro americano (“insinio” se lle chama aquí, -de “insignis”-), e nos últimos anos xa tamén algo de eucalipto.

4-A INVASIÓN FRANCESA

O eixo do val do Neira está atravesado perpendicularmente por outro eixo, que fai cruz con el na vila de Baralla, que constitúe a saída natural ó Bierzo e Castela desde a metade Norte de Galicia. Hoxe esta saída é a estrada Nacional VI e máis a Autovía A6, e no pasado fórona un Camiño Real, concluído no 1768, segundo Vicetto, (Historia de Galicia, Tomo VII, Ferrol, 1873, p. 236) e logo unha estrada (construída a comezos do XX). Cando a invasión francesa do 1808, foi naturalmente esta unha das vías polas que as tropas invasoras penetraron en Galicia, e foi por este camiño por onde fixo a súa retirada cara á Coruña o inglés Sir John Moore, así que por estas terras houbo algúns episodios bélicos dos que se pode seguir o rastro nos textos históricos, episodios como os saqueos dos franceses, algunhas emboscadas de guerrilleiros locais con derrotas dos invasores (en As Nogais, en Lexo, en Sobrado de Picato...), etc.

Por sorprendente que pareza hai incluso memoria popular da invasión, só evidentemente en xente moi maior que non lembra outra cousa que ter oído falar de que por aquí pasaron, e un dato que logo non é posible corroborar na documentación escrita: memoria dunha batalla ou enfrontamento na Pena Grande.

Máis información e narración máis detallada destes acontecementos no texto "A <<Francesada>> nas terras do Neira e a montaña luguesa" (ver...)

5-REFORMAS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRATIVAS DO S. XIX

Nas décadas de 1830 e 1840 lévanse a cabo varias reformas institucionais e administrativas que nos afectan directamente: a división territorial en catro provincias no 1833 (“naceu” a provincia de Lugo, ata entón era só demarcación relixiosa, bispado), a división xudicial axustada a estas provincias no 1834, e a organización municipal do 1840, que modifica territorios e capitalidades, e tamén os reforma administrativamente, con ensaio de varios modelos, con correxidores nomeados polo rei ou alcaldes nomeados polo pobo. No caso de Láncara agrúpanse tres antigos concellos: o Concello de Somoza de Vilouzán, o da Pobra de San Xulián, e o de Láncara (ver “Inicio: Concello de Láncara” e texto “O traslado do Concello de Láncara”). En Baralla tamén se agrupan o que eran dous concellos distintos, "Neira de Rei" e "Neira de Xusá" (ver “Inicio: Concello de Baralla”)

6-AS GUERRAS CARLISTAS

Coñecese por “guerras carlistas” a guerra civil que desde a morte de Fernando VII (1833), e durante boa parte do século XIX, enfrontou os partidarios do irmán do rei (Carlos), e os partidarios dos descendentes de Fernando VII (a súa filla Isabel II, e a nai desta, Mª Cristina, como rexente). A primeira guerra desenvolveusede 1833 a 1839, a segunda de 1847 a 1860, e aínda houbo un terceiro episodio no 1872-73. O desenvolvemento desta guerra foi en forma de “partidas” de “carlistas” sublevados que se movían sobre todo no medio rural. En Galicia as partidas carlistas estaban xenerosamente financiadas polo clero e os fidalgos, pero contaron con escaso apoio entre os labradores, e remataron por fracasar pola súa escasa capacidade de organización e coordenación.

Na zona do Neira houbo unha certa actividade destas partidas (e mais aínda na cercana comarca de Sarria), e hai algunha información fragmentaria na bibliografía sobre o conflicto: José Villa-Amil y Castro (1886, cit. páx. 31) fala dunha batalla que tivo lugar en Neira de Rei o 7 de decembro de 1836 onde “Bullón y Sarmiento (sobrino) perdieron casi la mitad de su gente”. Pardo de Neyra (1998, p. 79, ver Bibliografía) recolle que a partida de Nuñez Saavedra, levantada en Vilarín (Becerreá) o vintecinco de febreiro de 1873, entre outras cousas, en abril dese ano queimaron o rexistro civil de Neira de Xusá.

Hai aínda algunha memoria popular do carlismo, concretamente en Láncara cóntase a historia dun pastor que ó paso dunha partida carlista se agachou, polo medo que se lles tiña, e desde alí lles escoitou falar de onde esconderan uns cartos, e foi e colléullelos e con iso construíu a súa casa (casa que hoxe é xa ruína).

7-O PRIMEIRO TERCIO DO SÉCULO XX

O comezo do século XX trouxo unha obra importante para esta zona: a construcción da estrada LU-621, que vai da Pobra a Baralla, e articula o curso medio do Neira comunicando o gran número de aldeas que hai entre as dúas vilas, pero ademais transformou a paisaxe e a ordenación do territorio mesmo: as aldeas polas que transita medraron notablemente fronte ás que quedaron afastadas dela, e construíndose ás súas beiras a maioría das casas que se levantaron durante as primeiras décadas deste século. Esta estrada rematouse cara o ano 1912, e nos anos seguintes fixéronse outras varias por estes concellos, dando, amais do servicio, traballo e ingresos ós habitantes da zona, que participaron como obreiros e aínda aportando as xugadas de vacas e os carros como “maquinaria” de transporte.

Xunto cos progresos nas obras públicas hai nestes anos un aumento na construcción de casas e na mellora de algunhas antigas, así como nos camiños e nas leiras, que pasan a ser propiedade dos labradores que as traballan na súa gran maioría (ver antes: “os cambios na propiedade da terra”), son anos de crecemento demográfico (ver táboas arriba) que comezará a verse mermado pola emigración e puntualmente polo andazo de “gripe” dos anos 1918-19, anos nos que haberá un importante aumento de defuncións por esta causa.

No aspecto social e cultural é de reseñar que en Baralla se formou un grupo galeguista liderado por Evaristo Correa Calderón,e que chegaron a fundar unha “Irmandade Galega de Baralla” no 1917. Deste grupo formaron parte o fidalgo Paulino Pardo de Neyra, que foi represaliado logo da Guerra Civil, Casiano Díaz Moreno, e Faustino Cela, que aparece mencionado entre os fuxidos que debían ser detidos (Xulio Pardo de Neyra. Lugo, Cultura e República. Ed. do Castro 2001. páxs. 18 e 56-57). Evaristo Correa tamén publicou en Baralla “El Eco” (ou “El Eco de Baralla”), con dirección del mesmo, administración de Emilio Curiel e redacción de Ivo Fernández (Pardo de Neyra, 2001, cit. páx. 142), e impulsou, xa na cidade de Lugo, nos anos anteriores á guerra, varios proxectos xornalísticos de orientación galeguista e republicana, algúns xunto co seu irmán Juan Antonio, pero despois do alzamento do 36 ambos irmáns mudan radicalmente de orientación ideolóxica, e fanse Falanxistas, Juan-Antonio Xefe Local da Falanxe e Evaristo “Jefe Provincial de Prensa y Propaganda” da mesma organización (Pardo de Neyra, 2001, cit. páx 38). Para máis información sobre os irmáns Correa Calderón e outros membros desta familia ver: “Cultura. Personaxes: os Correas”.

Acontecemento local recordado da pre-guerra foi a efémera existencia dun “aeroporto”, un aeródromo militar levantado na meseta da Cha, entre os concellos de Sarria e Láncara, que causou expectación e asombro en toda a comarca. Máis información no texto "O Aeródromo da Cha" (ver...).

8-A GUERRA CIVIL E A POSGUERRA

O “Alzamento” e a Guerra Civil vivíronse maioritariamente nesta zona desde a incomprensión e desde a adhesión ó bando “nacional” pola simple razón de que no exército de Franco estaban a práctica totalidade dos mozos da comarca, despois de seren chamados a filas cinco quintas que deixaron o campo orfo dos mellores brazos para o traballo. Tamén houbo opositores ás novas autoridades, e entre eles varios represaliados e “paseados”.

Ó comezar a guerra as autoridades republicanas intentaron controlar a situación, pero en moi poucos días pasou a estar dominada polos sublevados. Os días 18 e 19 de xullo do 36 o alcalde de Sarria organizara unha partida de gardas, recrutando milicias polos concellos de Sarria, Paradela, Incio, Triacastela, Samos e Láncara, coa que requisaron armas e incuso asaltaran un polvorín dun pirotécnico en Samos, e con todo isto diríxense a Lugo o día 20. Pero non conseguen o seu obxectivo e nos días seguintes dispérsanse e son perseguidos polos falanxistas e a Garda Civil. Na zona esta de Sarria faranse donos da situación un grupo de falanxistas que manda M. López Zaera.

A partir do día 20 de xullo as autoridades republicanas son substituídas por novos responsables designados directamente polos dirixentes sublevados, e comeza a represión contra todos os que tiveran algunha actividade política “de esquerdas” (os despectivamente alcumados “roxos”), ou algún incidente ou enfrontamento coa igrexa ou os novos mandatarios, ou simplemente algunha mala relación ou mala “sona”. Os ingresos na cadea por motivos políticos son 21 en Láncara e 29 en Baralla (Souto Blanco, Mª J. La represión franquista en la provincia de Lugo (1936-1940). Sada, ediciós do Castro, 1998, páx. 106). En canto a procesos militares, houbo un só procesado de Baralla por motivos “políticos”, que resultou absolto, e no de Láncara houbo 10 por motivos “políticos” e1 por motivos “económicos”, sendo condenados 5 e absoltos 6 (Souto Blanco, 1998, cit. páxs. 232-4).

En Láncara as principais detencións son de membros de Izquierda Republicana, entre eles os varios compoñentes da xestora municipal, e nomeadamente o Alcalde (José Cela Míguez) e varios dos seus irmáns. En Baralla son tamén os dirixentes de IR os máis perseguidos, e as detencións prodúcensefundamentalmente á fin da guerra (2 en 1936, 1 no 37, 7 no 38, 3 no 39 e 14 no 1940), e despois de que os que foron a autoridade durante a guerra, (o alcalde, o cabo da Garda Civil, o secretario do concello e mesmo o xefe local de Falanxe) foran relevados dos seus cargos, os tres primeiros incluso encadeados, sen que se saiban ben as razóns destes “relevos” (Souto Blanco, 1998, cit. en difs. páxs.), pode que estean relacionadas cos feitos narrados na gravación "Conversa sobre a Guerra e os Escapados" (ver transcrición).

Á marxe destas detencións e procesos, eran moito máis terribles, nos primeiros meses da guerra, as actuacións extraxudiciais. O método practicado habitualmente polos falanxistas para as represalias era o chamado “paseo”: levar a persoa a dar un “paseo” por calquera zona máis ou menos afastada e alí torturala e/ou asasinala. No concello de Baralla non houbo ó parecer “paseados”, pero si no de Láncara e noutros limítrofes, concretamente en Becerreá, onde foron paseados Rudesindo Fernández, (que era o alcalde) e Ovidio Vilar (seu cuñado, de 15 anos de idade ), asasinados en Láncara, e onde se destacaron como "perseguidores de roxos" Manuel Díaz Vilela, Jerónimo Meira, José Montaña, Jesús López "Tabeirón", e outros (Cfr. Fernández Santander, Carlos. Alzamiento y Guerra Civil en Galicia (1936-1939). T.I. páx 237 e 244, Sada, ed. do Castro). Na memoria dos vivos permanecen aínda algúns episodios relacionados con isto (ver textos: "A Guerra Civil, a represión e os Escapados na memoria oral" e "Conversa sobre a Guerra Civil e Os Paseados").

Xa desde os primeiros días da guerra, á vista da situación xerada, algúns homes botáronse ó monte (era aínda entón o monte en parte territorio incógnito e incomunicado que permitía o agocho da xente) ou fuxiron como mellor puideron. Son o que aquí se lle chama “Os Escapados”, eran desertores (que non se quixeron incorporar ó exército do bando nacional por ideoloxía ou por outros motivos), ou “roxos”, ou calquera que polo que fose temía ser represaliado ou paseado. No monte organizáronse en partidas guerrilleiras, intentando intervir contra dos sublevados, agardando a que crían sería victoria final da República, e logo a que a victoria aliada na Guerra Mundial supuxese a fin do réxime de Franco.

Os “Escapados” vivían de roubar polos camiños ou en casas “boas”, de pequenas extorsións, e da axuda que lles proporcionaban en casas, xeralmente illadas no monte ou de aldeas pouco accesibles, ás veces por interese, outras por medo, por ideoloxía, por amizade ou parentesco… Nesta situación botaron moitos varios anos (algúns ata finais dos anos 40), pero “Carecendo de posibilidades de contribuíren ó esforzo bélico da República, as actividades dos fuxidos da zona limitáronse á loita cotián pola subsistencia; consumíndose o cada día máis feble potencial político en accións infrecuentes contra os partidarios da <<causa nacional>> e os seus representantes máis visibles” (Hartmunt Heine. A Guerrilla Antifranquista en Galicia. Eds. Xerais de Galicia, Vigo, 1982. Páx. 23).

De preto da zona do Neira, concretamente de Torallo, Becerreá, era Antonio Ulloa Regueiro, alcumado “Torallo”, que foi un destacado guerrilleiro da zona dos Ancares. Botárase ó monte ó producirse unha fuga en masa dunha prisión habilitada en Becerreá ó comezar a guerra, (dos fuxidos todos foran capturados ou eliminados menos el) e acadou moita sona, sobre todo no tocante á súa habilidade para disfrazarse e eludir os gardas. Caeu nun enfrontamento coa Garda Civil nos montes preto da súa aldea natal, en 1942 (Hartmunt Heine. 1982. Cit. Páx. 20-21). De Becerreá era tamén Marcelino Villares, detido en febreiro do 1945 durante unha unha captura masiva de militantes do PC de Lugo e A Coruña. En xullo celebrouse o xuízo contra estes detidos, sendo condenados a morte tres compoñentes do Comité Provincial, o responsable do Comité Comarcal de Becerreá (Marcelino Villares), e o delegado do PC/Unión Nacional. Dous dos delegados do Comité Provincial foron executados a garrote vil, e ós outros conmutóuselles a pena pola de cadea perpetua (Hartmunt Heine, 1982, cit. Páx. 144-45).

Outro escapado de moita sona de preto desta zona foi “José Castro Veiga, carpinteiro de Boelle-Arxemil-Corgo, que acadara o grao de cabo da Aviación na guerra, o que deu orixe a que os seus compañeiros lle chamasen O Piloto. Ó remata-la guerra o Castro foi encadeado pro ó cabo duns dous anos saíu en liberdade vixiada e regresou á súa aldea natal. Mais en setembro do 43 trocou esta vida pola de un do monte, uníndose durante algún tempo ó grupo de Ramón Rodríguez O Curuxas. O Piloto era militante do PC, e ese factor tivo indubidablemente algunha importancia cando se decidiu nomealo xefe do EM da III Agrupación” (Hartmunt Heine, 1982, cit. Páx. 134), no seu grupo estarían tamén outros lugueses, coma José Pardo Rodríguez, de Sarria, Maximino Rodríguez Pérez, de Paradela, ou Julián Mateo Vázquez, de Montefurado-Quiroga.

A actividade guerrilleira foi decaendo nos anos 40, coa detención ou morte dos principais activistas, e tamén polo abandono por falta de expectativas, pero nalgúns casos chegou ata os anos 50, “Xa a finais de 1951 caeron, nun enfrontamento coa Garda Civil, en Barranca-Cesuras, “O Víctor” e un guerrilleiro alcumado “O Coxo de Paradela” (Hartmunt Heine, 1982, cit. Páx. 246).

Da escasísima (e clandestina) actividade política destes anos da posguerra temos a penas noticia dun intento de reorganización dos comunistas, “Unha palleira perto de Ronfe-Póboa de San Xulián, Láncara, constituíu o abeiro e telón de fondo da primeira xuntanza de varios militantes comunistas en representación dos diversos grupos existentes na provincia. E de resultas deste encontro xurdiu no cabo de 1944 un Comité Provincial, constituído por Julio Nieto López [...] secretario xeral, Gaspar Antonio Castro, como secretario de axitación e propaganda, e O Pepe Pin, como secretario de organización e finanzas” (Hartmunt Heine, 1982, cit. Páx. 82).

Ademais destes datos bibliográficos e das frías cifras, a memoria popular garda aínda moitos detalles que, aínda que non poden ser cualificados propiamente de historia oral pois non foron sometidos á preceptiva análise e sistematización, poden dar unha idea máis próxima do acontecido, ver os textos xa citados “A Guerra Civil, a represión e os Escapados na memoria oral” e “Conversa sobre a Guerra Civil e Os Paseados”.

Acontecemento sonado da posguerra foi o traslado do Concello de Láncara para a Pobra de San Xiao, coa oposición da maioría dos veciños e incidentes abondos, traslado que consolidou a primacía da vila da Pobra sobre Láncara. Vero texto “O traslado do concello de Láncara” e “Inicio: Datos Concello de Láncara”.


ÍNDICE CAPÍTULO:

-1-A ECONOMÍA NOS SÉCULOS XIX E XX

-2-DEMOGRAFÍA E POBOACIÓN NOS SÉCULOS XIX E XX

-3-OS CAMBIOS
NA PROPIEDADE DA TERRA DO XIX Ó XX

-4-A INVASIÓN
FRANCESA

-5-REFORMAS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRATIVAS
DO S. XIX

-6-AS GUERRAS CARLISTAS

-7-O PRIMEIRO TERCIO
DO SÉCULO XX

-8-A GUERRA CIVIL E
A POSGUERRA

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 


Propiedade da terra: Desamortiza ción e Redención Foral

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 


A Francesada nas terras do Neira e
a montaña luguesa

 

 

 

 

 

 


O traslado do
Concello de
Láncara

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 


O Aeródromo
da Cha

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 


Conversa sobre a Guerra e os
Escapados

 

 

 

 

 


A Guerra Civil, a represión e os Escapados na
memoria oral

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Historia

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 


Valdoneira 2004-5