A web do val do río Neira
(A historia)


A Idade Media

A Alta Idade Media (S. V-IX)

No ano 409 os Suevos, xunto cos Vándalos e Alanos cruzan os Pirineos. Repártense a Hispania e ós Suevos correspóndelle a Gallaecia, onde crean o primeiro Reino independente de Europa.

Os Suevos eran a penas 30.000 individuos. Foran un pobo de vida itinerante, dirixido por unha aristocracia guerreira, pero chegados á Gallaecia fixéronse sedentarios. No ano 559 o rei Teodomiro convértese o cristianismo, nacendo o primeiro reino cristián da historia.

Os suevos controlan o territorio, e co paso do tempo reorganízano administrativamente. O antigo convento lucense convértese en bispado de Lugo, dependente da sé metropolitana de Braga. No concilio de Lugo (ano 569), a Igrexa lucense adquire a categoría de metropolitana, pasando a depender dela os Bispados de Astorga, Britonia, Iria Flavia, Ourense e Tui. Os suevos dividen o territorio lucense en once condados, amais das terras de Cairoga, Lemos e Cauarcos. O primeiro dos condados, o comitatum Flamosis (do que queda o topónimo "Chamoso"), estaba constituído polo Val do río Neira e os seus afluentes e os montes e terras adxacentes, prolongándose polo Norte polo Corgo (Chamoso é hoxe o nome dun pequeno río e dunha aldea, ambos no Corgo), e ata parte de Castroverde (pódese ver demarcación territorial máis detallada en: Pardo de Neyra, X. 1998. páx. 37-38, ver "bibliografía").

No 585 Leovixildo ocupa Braga e O Porto, e o reino suevo da antiga Gallaecia intégrase no reino visigodo. No 711 prodúcese a invasión musulmana da península, no 714 Galiza recibe as primeiras incursións dos árabes. Lugo foi ocupada por Muza, despois dun pacto polo que os lucenses lograban certas garantías persoais e relixiosas. En lugares ben próximos á nosa zona, en Montecubeiro (Castroverde) e Becerreá, libráronse dúas batallas contra os sarracenos (Pardo de Neyra, X. 1998. cit, páx. 40).

No ano 741 Afonso I ocupa, sen resistencia, a cidade de Lugo, e o Bispo Odoario comeza a repoboación da cidade e os arredores, conscientes da importancia que nestes anos adquirirá dentro do Reino Asturiano, xa que era a única Igrexa metropolitana reconquistada, e a única cidade en opinión de M. Rubén García Álvarez (Galicia y los gallegos en la Alta Edad Media. Santiago, Pico Sacro, 1975. Páx 44) "No tenía Galicia al comenzar esta etapa histórica más que una sola ciudad, la de Lugo, que era también, por cierto, la única que merecía tal nombre en toda la España cristiana del siglo VIII y la primera mitad de IX".

Polo que ó val do Neira estrictamente se refire, poucas noticias documentais hai da época altomedieval. A toponimia, amais da amentada referencia sueva en "Chamoso", proporciona indicacións de repoboacións -ou posesións- desta época, como Guimarei que viría do nome xermánico Guimaredo ou Wimaredo (un Wimaredo foi bispo de Lugo polos anos de 811), ou Sixirei, que viría de Sixerico (ambas aldeas próximas a Baralla). Tamén obtemos da toponimia indicios de que esta zona foi receptora de migracións procedentes da zona ocupada polos árabes, con aldeas formadas con inmigrantes de Toledo (Toldaos, o nome viría de "toledaos", e queda entre Cedrón e Triacastela) ou de Coimbra (Cumbraos). Con estas migracións parecen estar relacionadas as fundación de moitas "Poboas", no noso caso podería estalo a de San Xiao. Tamén o mosteiro Samos foi lugar de destino da emigración de monxes mozárabes no século VIII e IX.

A "Plena Idade Media" (S. X-XIII)

Os séculos X e XI son de estancamento, pero no século XII hai unha certa expansión económica, e un crecemento demográfico no mundo rural que redundará tamén no auxe urbano dos séculos seguintes. Este crecemento esixe un aumento na producción agrícola que se realiza de dúas maneiras: o cultivo de maior superficie (crese que ata ben entrada a época moderna a superficie cultivada non pasaba do 10%), e a mellora nos rendementos.

A extensión da superficie cultivada lógrase con novas roturacións, labrando terreo dos bosques e montes, e sobre todo coa fundación de aldeas novas, e na comarca do Neira pode suporse a existencia deste proceso a teor das construccións levantadas nestes séculos (igrexas e pontes, ver e sección Patrimonio "Igrexas", "Pontes" e plano de patrimonio).

O maior rendemento das terras lógrase coa aplicación de métodos máis intensivos de cultivo, cun maior abonado dos terreos, e incluso en algúns casos con alternancias de cultivos e la supresión do barbeito, e coa aparición de novas técnicas e ferramentas, como o arado de vertedeira e o tiro de cabalos, introducidos principalmente polos monxes cistercienses.

Desde o XII comeza a formación da grande propiedade, primeiro segrar e despois eclesiástica (vía expropiacións, apropiacións por insolvencia económica, e por doazóns por necesidade de protección ou por mentalidade relixiosa). Os monarcas, a fin de impulsar o proceso colonizador, outorgaron á Orde do Císter grandes concesións (nesta zona o de Penamaior, que pasou ó Cister no 1225 -ver sección "Patrimonio: Igrexas"), concesións que baixo a figura de cartas de coto incluían o exercicio completo do poder público. Polo que se refire ás propiedades dos nobres laicos, repiten o mesmo esquema, pero co problema da fragmentación das propiedades nas herdanzas. Nos terreos monacais ou nobiliarios fundaranse a maioría das novas poboacións, con labradores colonos ós que lles cedían a terra baixo diferentes condicións, pero o foro vai ser a fórmula máis característica, e o eixo do señoríos que desde esta época comezan a formarse. Nesta zona, a principal posesión laica foi a dos Condes de Lemos e Sarria, señorío que se orixina na concesión por parte de Afonso VII, no ano 1104, das terras de Lemos e Sarria a Froila Díez e a súa muller Estefanía Sánchez, que fundarán a vila de Monforte. No sucesivo os Condes de Lemos e Sarria ocuparán a tenencia e controlarán durante varios séculos case toda a metade sur do que hoxe é a provincia de Lugo, fóra das amentadas posesións monacais, (ver tamén sección "Historia Moderna"). Algúns dos condes máis sonados nestes séculos foron Rodrigo Vélez, Alvaro Rodríguez de Sarria, Gutier Rodríguez de Castro, que é o primeiro da súa liñaxe que asenta nas terras de Lemos, etc.

O máis antigo documento conservado relativo a esta zona é a doazón do mosteiro de O Salvador de Bande, e de terras en Carracedo, Láncara e Neira (a hoxe chamada "de Cabaleiros") ós monxes de Samos no ano de 982. Posterior, do ano 1010, é a das aldeas de Laxes e Vilar de Francos ó mesmo cenobio. Outras escrituras (doazóns, testamentos, etc.) conservadas son unha de 1094 referida a Sta. Cruz do Picato, e outra de 1053 referida a Constantín.

En canto a Láncara, a primeira noticia documental é a doazón que Don Gonzalo, fillo de Afonso III, fai da vila de Láncara ó Bispo de Compostela (logo recuperouna o seu irmán Ordoño II trocándolla ó bispo polas de Oza e Cela, e desde isto converteuse en señorío de Láncara, e estivo ligado ós Suárez de Deza), xa do 1102 é o documento de doazón que a infanta Dona Urraca, filla de Afonso VI, fixo ó seu criado Ero Armentariz, da igrexa de Sta. Mª da Lama "En el valle de Armenia [Armea], junto al rio Neira" (Para máis datos sobre estes e outros documentos consultar Fr. Manuel Risco. Antiguedades de la Ciudad y Sta. Iglesia de Lugo: Memorias de los Insignes Monasterios de S. Julian de Samos, y S. Vicente de Monforte... ver "Bibliografía").

Non coñecemos as datas de constitución dos concellos de Láncara e Neira, a obtención das cartas de poboación e foro, pero debeu ser nestes séculos. Pardo de Neyra (1998, cit. páx. 57) supón a creación do Concello de Neira a principios do S. XIII, e afirma ter constatado o nome do primeiro alcalde: Diego Arias, en 1258.

Curioso episodio foi o preito mantido entre as dioceses de Lugo e Oviedo precisamente pola posesión das terras de Neira de Rei e de Xusá, ostentándoas o segundo por un curto período, ata que no 1154 se acordou unha división definitiva quedando para o de Lugo toda esta zona, como viña sendo xa desde época Sueva.

Tamén curioso é o feito de que a obra de Lope de Vega "El mejor alcalde, el Rey" parece estar inspirada en acontecementos ocurridos nesta zona (ver pequeno texto alusivo).

Baixa Idade Media (S. XIV-XV)

A comezos do S. XIV Galicia (como boa parte de Europa Occidental) sofre unha importante crise económica: parece que a producción de alimentos toca teito tanto no que a superficie cultivada como no que a rendementos se refire, e a maiores, hai constancia dun ciclo climático adverso (polos diagramas polínicos pode saberse que é probable que o período 180-550 fose húmido, e o 650-1000 fose quente e seco, con outra fase chuviosa e máis fría do XII á fin da Idade Media, cfr. Rubén García Álvarez, 1975, cit. páx 227). A isto xúntase a crise social, cun grande desequilibrio entre os nobres, os cabidos catedralicios e os mosteiros, que se foron apropiando das terras, e os labradores, que ven cada vez máis mermadas as súas posibilidades de subsistencia. Pero tamén os nobres se atopan nunha situación delicada, teñen cada vez máis problemas para obter os ingresos que lles permitan manter o seu nivel económico e social, e recorren a unha maior presión sobre os seus vasalos e foreiros.

A primeira consecuencia desta crise será a fame xeralizada durante algúns períodos deste século, pero tamén a primeira emigración do campo cara as cidades, e indirectamente a propagación da Peste Negra, que entrou no 1348 a través dos portos que comerciaban co Norte de África (parece ser que Baiona), e se estendeu rapidamente (hai datos da peste negra en Meira en 1352, ou en San Esteban de Ribas de Sil en 1356, por citar dúas zonas que se sitúan ó norte e sur da nosa). Este andazo puido ter matado a un tercio da poboación e deixou amplas zonas despoboadas.

Despois da peste os campesiños dispoñen das mellores terras, e a producción para os que quedaron é máis abundante. A actitude dos nobres cambia ó teren agora que atraer labradores que cultiven as súas terras: redúcense as rendas, alóngase a duración dos foros e suavízanse determinadas cargas. Pero en Galicia a recuperación económica non se acaba de producir polas continuas guerras e as loitas nobiliarias.

A guerra ou revolta Irmandiña (1465-69, da que houbo episodios preto da nosa zona, co derrube de boa parte do castelo de Sarria), e súa represión, na que xogou destacado papel o Conde de Lemos, porá fin a este convulso período. Pouco despois, o comezo do reinado dos Reis Católicos (1474), suporá a fin do mundo medieval e do propio Reino de Galicia como tal. Isabel e Fernando acaban con toda oposición á súa política centralizadora, e establecen novos organismos administrativos e de control (os Gobernadores, a "Santa Hermandad", a Audiencia...), que sembran o terror entre a poboación e conseguen a submisión a nobreza.

Nesta "pacificación de Galicia" ou "doma e castración do Reino de Galicia" que lle chamou o historiador Zurita, ocupa lugar importante a visita efectuada polos Reis Católicos no ano 1486 (despois de máis de un século sen que ningún monarca pisara territorio galaico), a viaxe de vida parece ser que foi polo camiño francés de Santiago, pero a volta foi desde A Coruña, pasaron por Lugo e foron tomar de novo o Camiño de Santiago segundo algúns en Sarria, pero hai tamén noticia do seu paso por Pousada (a 1 Km. de Baralla), polo que pode que fosen desde Lugo ó Cebreiro pasando por estas terras, seguindo o que logo sería camiño real e antes fora vía romana (ver en "prehistoria e hª antiga" o referido ás vías romanas).


ÍNDICE CAPÍTULO:

A Alta Idade
Media (S. V-IX)

A "Plena Idade
Media" (S. X-XIII)

A Baixa Idade
Media (S. XIV-XV)

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 


Plano elementos
de patrimonio

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 


O personaxe
"Tello de Neira"

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Historia

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 


Valdoneira 2004-5