A web do val do río Neira
(A historia)


A Idade Moderna na zona do val do Neira

1. O TERRITORIO E OS NÚCLEOS DE POBOACIÓN

A Idade Moderna comeza para Galicia cunha serie de reformas administrativas coas que desde a coroa se intenta o control efectivo do territorio, e a imposición do "estado" e as súas institucións. Establécense novas circunscricións territoriais, os partidos, e, a partir xa das Cortes de Sevilla de 1500, as provincias: Lugo, Mondoñedo, Santiago, Tui, Ourense, A Coruña e Betanzos.

O núcleo de poboación máis importante deste val do Neira, durante a Idade Moderna, sería o que hoxe é a aldea de Pousada. No mapa de Hernando de Oxea, composto cara o 1603, (o primeiro mapa de Galicia que foi impreso publicado en 1612, ver anaco desta zona), os únicos nomes que aparecen (amais do do río) son o da Ponte de Neira e o de Paços de Neyras (a actual Pousada, da que noutros documentos aparecen as variantes Pacios de Neyra, Palacios de Neira, Póboa de Neyra, etc.), polo que pode suporse que a propia capitalidade administrativa do daquela concello de Neyra estaría aquí en Pousada (Pardo de Neyra, 1998, páx 56, ver "Bibliografía"), en mapas posteriores, como o Mercator/Hondius (S. XVII), ou o de Giacomo Cantelli (1696), aparece xa "Puebla de San Julián", amais dos amentados P. de Neyra e Paços de Neyras. O auxe da vila de Baralla sería posterior, dos séculos XVIII e XIX, e relacionado co tránsito comercial cara á Meseta, sobre todo desde a construcción do camiño real e a ponte de Senra en tempos de Carlos III. Cousa parecida pasou con Láncara, que foi perdendo importancia mentres a gañaba A Pobra, sobre todo desde a construcción da liña férrea Sarria-Lugo no 1880, e que rematou co traslado da capitalidade municipal a esta vila (Ver: "Inicio: datos Concello Láncara" e o texto "O traslado do concello de Láncara"), pero para o que é a Idade Moderna as parroquias máis poboadas do que hoxe é concello de Láncara serían Cedrón, Láncara e Vilouzán.

2. A TERRA, A SÚA TITULARIDADE E PROPIEDADE, A XURISDICCIÓN.

Segundo os datos do Catastro do Marqués de la Ensenada, a mediados do XVIII as terras das que os labradores eran propietarios non chegaban no interior de Galicia nin ó 10% (e na costa ó 25 %). En cifras aproximadas pode dicirse que o clero era propietario dun 20 por cento da terra, a nobreza do 15%, a fidalguía do 50%, e os labradores do 15% restante. Os labradores deben facer polo tanto fronte ás rendas da terra (xeralmente foros), pero tamén a dezmos, primicias, oblatas, cargas pías, laudemios, luctuosas, e outras cargas e impostos. Compréndese que a "terra", a súa propiedade, a súa transmisión en herdanza, o seu fraccionamento, a capacidade de ampliación, etc, constitúe a principal das preocupacións da poboación rural, e tamén para a xente deste val, como labradores e gandeiros que son. Historicamente o réxime de tenencia máis habitual foi o foro, e desde logo na Idade Moderna, como antes se dixo, unha gran maioría do terreo de cultivo estaba baixo esta carga.

O "foro" é unha forma de contrato de longa duración (moitos eran por "tres voces" -tres xeracións- ou "tres vidas de reis" e algún aínda isto e "29 anos máis"), cunha fórmula pola que o labrador posuía o usufructo da terra a cambio dunha renda, habitualmente en especie, que pagaba ó titular do dominio señorial, que podía ser o titular directo ou un "medianeiro", intermediario entre os foreiros e os "donos" da terra, habitual cando esta era a Igrexa (mosteiros, etc.). Este sistema perdurou desde a Idade Media (ver sección "Hª Medieval") ata ben entrada a Contemporánea, se ben cunha progresiva substitución das rendas en especie (e en "rogas" de traballo) por rendas en diñeiro. Esta situación non comezará a reverter ata a segunda metade do XIX, aínda que non terá remate definitivo ata os anos vinte do século XX, cando, pola vía da compra, os últimos labradores foreiros acceden á posesión efectiva da propiedade da súa terra (ver "Hª Contemporánea", e dentro desta o texto "Propiedade da terra: Desamortización e Redención Foral").

Relacionado coa cuestión dos foros está o da xurisdicción, xa que propiedade da terra e capacidade xurídica sobre ela e os seus habitantes, foron prerrogativas dos chamados señores de "soga e coitelo", e proveñen xa dos antigos señoríos medievais, onde o exercicio da xustiza e o goberno eran a mesma cousa. A ausencia dunha administración pública forte concentrou nos señores diversas funciones estatais, de tipo administrativo, económico e fiscal, e, amais da principal función, a xudicial, exercían a militar, o que facía dos cabaleiros os defensores da sociedade, os encargados de garantir a xustiza, a paz e a seguridade de todos. O termo que ilustra este concepto de xustiza como poder social, como relación de dominación, é o de xurisdicción: autoridade que se ten sobre unhas persoas, ou sobre os que viven nun determinado territorio. Ilustrativo da súa importancia son os conflictos, guerras e preitos que a finais da Idade Media se desenvolveron entre moitos señores polo control xurisdiccional e das rendas de moitas zonas.

Na Idade Moderna a situación muda pouco a pouco: o rei, que viña sendo a instancia superior de apelación, o gran árbitro, o garante supremo da xustiza terreal (ver texto "O personaxe de Lope de Vega "Tello de Neira"", cun episodio, ó parecer real, ilustrativo desta situación), pasará a controlar o goberno da sociedade civil, a título persoal e sobre todo por delegación, a través da rede de funcionarios letrados e de institucións xudiciais estables e públicas. Pero no mundo rural galego isto fíxose efectivo moi engordiño, e no val do Neira que nos ocupa, predominan os señores laicos, escasean os señoríos eclesiásticos e as terras de reguengo (de "realengo", de dominio directo da coroa), e en consecuencia a xustiza segue ás veces en mans dos meiriños designados polos señores.

No seguinte listado enuméranse as parroquias e a xurisdicción á que pertencen no Antigo Réxime (segundo Fariña Jamardo, Xosé, 1993, ver "Bibliografía").

NEIRA DE XUSÁ
Conde de Lemos Aranza, Arroxo, Baralla, Berselos, Covas, Ferreiros, Francos, Guimarei, Laxes, Lebruxo, Lexo, San Estevo de Neira, Pol, Pousada, Riba de Neira, Sixirei, Teixeira, Traspena, Vilachambre, Vilar, Vilarpunteiro, e Vilartelín.
Encomenda de S. Xoán de Portomarín Constantín, Pedrafita de Camporredondo.
Marques de Montaos San Martiño de Neira de Rei, San Miguel de Neira de Rei e Penarrubia.
Marqués de Castelar Sobrado de Picato, Recesende, Vale.
D. Josep de Seijas ou Seyxas e D. Pedro Joseph Valcarce Pacios.
D. Bernardo Boado Piñeira

LÁNCARA
Conde de Maceda e D. Luís Saco Cedrón.
D. Joaquín de Tebra Láncara, A Lama, Toirán, Trasliste.
D. Antonio Camba Larín.
D. Marcos Bernardo Quirós Oleiros.
Conde de Lemos Bande, Muro, A Pobra, Vilalaeo, Vilarello.
D. Ruperto Sánchez e o Conde de Lemos Neira de Cabaleiros.
D. Benito Maria de Prado e o Conde de Lemos Viance
D. Benito Maria de Prado, D. María Pardo, D. Gertrudis Vivero e outros Ronfe.
D. Benito Maria de Prado e D. María Pardo Vilambrán.
Mosteiro de Samos Armea, Carracedo, Galegos, Mosteiro, Souto, Touville.
Marques de Castelar e D. Miguel Somoza Lagos.
Marques de Castelar Río, Toldaos, Vilaesteba, Vilouzán.

Cara a finais da Idade Moderna algúns destes dominios pasarán á Casa de Alba, (desde 1777 os sucesivos duques de Alba son Condes de Lemos, de Andrade, de Monterrey, de Vilalba, de Sarria e doutros moitos títulos galaicos), e outros, xa ó longo do XIX e XX, iranse fraccionando, cambiando de mans, e desaparecendo.

A finais do S. XVIII o actual concello de Baralla compoñíase de catro xurisdiccións: Neira de Xusá, Neira de Rei, Pacios de Neira, e Picato, e tres coutos señoriais: Pedrafita de Camporredondo, Piñeira e Vale (Pardo de Neyra, 1998, cit. páx 61). O de Láncara compoñíase das de "Ronfe e Vilambrán", "Pobra de San Xiao" e "Láncara".

3. A ECONOMÍA: OS CULTIVOS

A agricultura, complementada coa gandería, segue sendo nesta época a principal actividade económica da Galicia rural. A partir de mediados do Século XVII introdúcense importantes cambios nos sistemas productivos, e comeza o desequilibrio entre a zona litoral e o interior. O millo aparece en 1628 nas rías de Pontevedra e Arousa e o seu cultivo esténdese rapidamente por toda a zona da costa. En poucas décadas acapara os dous tercios da producción de cereais nestas comarcas. Na segunda metade do XVIII aparece a pataca, que ó contrario do millo triúnfa pronto tamén nas zonas de interior. Este tubérculo americano comezou a sementarse ó parecer na comarca de Celanova, primeiro destinado á alimentación do gando, pero pouco e pouco foise estendendo a outras zonas, ó tempo que se vencía a inicial reticencia ó consumo por parte da xente.

Polo que á zona do val do Neira se refire, foi esta sobre todo cerealeira, tanto na Idade Media e como na Moderna, predominando con moito o cultivo do centeo ("pan" se lle chama aquí), sobre todo cultivado nos montes comúns, co sistema coñecido como "cavadas" e "tolas": consiste en rozar un anaco de monte, cavalo (con sachos e á man, que era imposible meter o arado romano e as vacas), e queimar o rozado (uz, carqueixa, toxo…) en "tolas" (montóns que se deixan secar e logo se lles poñía lume), ciscar a cinza das tolas, e sementar. Ó non haber outro sistema de fertilización nestas zonas de monte, cando se esgotaba o anaco de cavada facíase outra noutro sitio. Nos agros e leiras sementábase máis ben trigo, algo de cebada e avea, nabos, e desde a súa aparición, patacas e millo.

A introducción do cultivo do millo e da pataca aquí foi tardía, desenvolvéndose na segunda metade do século XVIII, e a súa xeneralización prodúcese seguramente desde a crise de 1768 (crise alimentaria que durou este ano e o seguinte, "ano da fame" como se lle denominou a este e outros dos que periodicamente ameazaron a feble economía de supervivencia galega), e seguramente a partir desa data comezarían a sementarse neste val, aínda que careza de datos concretos a ese respecto. Aquí o millo non se chegou nunca a colleitar en gran escala, pero a pataca cobrou tal protagonismo que se converteu en central na alimentación e culinaria local, como complemento ideal de verduras (nabizas por exemplo) e da carne de porco.

O sistema de cultivo era o de "ano e vez" (unha colleita por ano), pero nas zonas costeiras de Galicia efectuábanse xa rotacións trienais do cereal de inverno (centeo, trigo) con outro cultivo de primavera (avea, millo miúdo…) e barbeito ("folgado"). Este sistema de rotación entrou paseniño na zona do Neira, seguramente canda a aparición dos novos cultivos de pataca e millo (estes permiten non só un mellor aproveitamento do terreo con dúas colleitas ó ano, senón tamén maiores rendementos), que foron os que entraron a alternar con nabos, ferrañas e outras plantas forraxeiras. Con todo, a mediados do século XX aínda se constataban restos do sistema de "folgado", sobre todo en agros sobreexplotados, ou cando escaseaba o estrume para fertilizar. Nesta zona o esterco faise de toxo e palla, (e tamén de xesta e fentos, pero moi rara vez de punxa de piñeiro ou de folla, coma noutros sitios), nunha esterqueira ou nas cortes dos animais, onde reciben a compoñente orgánica das súas defecacións. A cantidade de animais que hai nunha casa, así como a man de obra dispoñible para apañalo, limitan polo tanto a capacidade de producir esterco.

As terras cerealeiras ou de rotación ocupaban a maioría do espacio cultivado (agros, montes roturados co sistema de "cavadas" xa comentado), a continuación, nesta zona, situábase o espacio dedicado a prados (que ata a segunda metade do século XX era moito menor do actual, e restrinxíase ás beiras do río ou dalgún dos pequenos afluentes), e o dedicado a horta e a árbores de froita. Por suposto o espacio de bosques (soutos de castiñeiros, carballeiras) era moi grande e importantísimo economicamente, para a ceba dos porcos e para o consumo humano de castañas (ademais de para leña e madeira para a construcción e carpintería). O espacio de bosque será ó que máis se lle quite cando se emprendan novas roturacións, para praderíos e para leiras de labor, durante todo o XIX e o XX.

Na zona do Neira foi tamén importante na época moderna o cultivo do Liño, non tanto como noutras zonas costeiras, pero significativo, sen embargo desapareceu por completo durante a primeira metade do século XX.

O viñedo nunca foi importante no val do Neira, (a pesar de que no Miño, pouco máis abaixo de onde o Neira desemboca, se converte en fundamental), pero si parece que houbo algún cultivo, como testemuñan a microtoponimia (algunha "Cortiña da Viña" e nomes similares), algúns datos catastrais [...], e algunha parra aínda viva de castes vinícolas (Albilla por exemplo). Pode que a súa desaparición definitiva nesta zona (do moi pouco que habería) arranque do 1852, ano de moitas chuvias que propiciaron unha gran epidemia de mildeu (oidium) nas vides de toda Galicia.

4. A POBOACIÓN

A partir de 1560 hai un aumento xeral da poboación, pero na Galicia moderna non se produciu unha verdadeira explosión demográfica, (nin un gran auxe das cidades, nin unha real revolución agrícola, e menos industrial, como noutras partes de Europa). Aínda así, (e a pesar de que aumenta a intensidade do aproveitamento das terras, aumentan os regadíos e perden extensión os montes comunais), seguen sendo frecuentes os años de fames e pestes. Como consecuencia desta escaseza, e relativa presión demográfica, durante o S. XVIII aparece un dos fenómenos máis característicos de Galicia a partir de entón: a emigración. Neste século XVIII serán un total de 300.000 os galegos que marchen, sobre todo con destino a Castela, Andalucía e Portugal, pero tamén, desde a creación na Coruña da "Comisión encargada da expedición de familias ás terras do Plata", cara a Patagonia, Uruguai e Brasil.

Os datos demográficos para a zona do Neira nesta época escasean a nivel bibliográfico, so coñecemos ben un momento puntual, xa de finais da Idade Moderna, do 1797, ano no que recolle datos Lucas Labrada para a súa "Descripción económica del reino de Galicia" (Apéndice I: estado general de la población en el año de 1797, páx. 284-285, cito por reedición de Vigo, ed. Galaxia, 1971), e ofrece as seguintes cifras:

LÁNCARA:
Xurisdicción de Ronfe e Vilambrán: 223 veciños
Xurisdicción da Pobra de San Xiao: 288 veciños
Xurisdicción de Láncara: 176 veciños

BARALLA:
Xurisdicción de Neira de Xusá: 631 veciños
Xurisdicción de Sobrado de Picato: 134 veciños
Xurisdicción de Penamaior e Neira de Rei: 586 veciños

Para o cálculo de habitantes multiplícase por 5 o número de veciños (son as casas ou fogares habitados, para esta época emprégase o 5 como media de persoas por fogar), polo que teriamos uns 3.435 habitantes en Láncara e uns 6.755 en Baralla, aínda que estas cifras poden resultar excesivas (sobre todo as de Baralla, aínda coa inclusión de Penamaior), pois Xosé Fariña Jamardo, (1993, cit.) dá para 1842 (uns 50 anos despois) 3.926 hab. en Láncara e 3.834 en Baralla (ver sección "Hª Contemporánea").


ÍNDICE CAPÍTULO:

1. O TERRITORIO E
OS NÚCLEOS DE POBOACIÓN

2. A TERRA, A SÚA TITULARIDADE E PROPIEDADE, A XURISDICCIÓN

3. A ECONOMÍA:
OS CULTIVOS

4. A POBOACIÓN



Anaco do mapa de Hernando de Ojea
(c. 1603)

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Historia

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 


Valdoneira 2004-5