A web do val do río Neira
(A historia)


Prehistoria e Historia Antiga

1-O PALEOLÍTICO

Do extenso Paleolítico (2´5 millóns de anos a 10.000 anos B.P.) non hai vestixios coñecidos ata o momento no Val do Río Neira, se ben nas tres últimas décadas fóronse coñecendo diversos xacementos deste período en diversos puntos e en diferentes hábitats do NW peninsular, que fan supor a existencia de poboación espallada por toda Galicia, o que probablemente incluiría un val coma este do Neira, polo que é posible que aparezan no futuro. Os cambios do clima ó longo do cuaternario, con períodos interglaciares (de clima quente, abundante vexetación e fauna…) e glaciares (o último o de Würm, cun clima frío e vexetación esteparia para esta zona) darían sen dúbida moi diferentes características e moi diferentes niveis de ocupación ó longo das distintas etapas deste longo periodo paleolítico. Por exemplo, entre o 20.000 e o 18.000 BP (dentro do Pleniglaciar Würmiense Final ) os xeos alcanzan o seu nivel máximo no espacio galego, coas augas do mar conxeladas durante o inverno, neves perpetuas nas terras altas do interior, e condicións periglaciares no resto, cunha vexetación de mofos, líquens e pradeiras de herbáceas con algún arbusto pequeno, e un bosque practicamente inexistente.

En calquera caso, dos xacementos atopados ata agora o máis preto do Neira que se coñece é o da Cova da Valiña, en Castroverde. O xacemento desta cova corresponde ó paleolítico superior, e supónselle unha ocupación humana durante o Interestadial Würmiense, polas condicións ambientais que se deducen do estudio sedimentolóxico e polínico, que revelaron que existía nos arredores da cova unha paisaxe de bosque dominado por piñeiros, bidueiros e carballos, cun clima algo máis frío que o actual. Os restos óseos aparecidos pertencen a unha fauna composta por especies propias de climas mornos e húmidos (corzo, xabarín, rinoceronte de Merck, castor), xunto con outras moi adaptativas como oso, lobo, hiena, raposo, marta, cabalo, bisonte, cervo, etc, sendo significativa a ausencia dos animais máis característicos dos fríos extremos (reno, mamut, rinoceronte laúdo, lebre ártica, etc.). A datación por Carbono 14 dos restos desta cova proporcionou unha data aproximada de 34.800 BP. Tampouco está moi lonxe do Neira, cara ó sur, O Incio, onde se encontraron os únicos restos fósiles do cuaternario galego: uns molares de cabalo.

2.-NEOLÍTICO e MEGALÍTICO

No territorio galego o neolítico está asociado case por completo á cultura megalítica, aínda que hai constancia dun neolítico pre-megalítico, cos datos cos que se conta neste momento, parece que se circunscribe á franxa costeira de Galicia (sobre todo na súa parte sur), e que a súa chegada se produciu desde o territorio do actual Portugal. Para a zona do val do Neira non se dispón de información deste período, pero seguramente, igual que en todo o interior e a esta latitude, a primeira cultura neolítica (a primeira que desenvolveu a agricultura, a gandería, e fabricou cerámica) foi a que tamén construíu as mámoas.

A cultura megalítica chegou desde o sur da península contra a fin do cuarto milenio antes de cristo, e perdurou ata arredor do 2000 a. de C. O rastro material desta cultura é relativamente abundante, posto que se caracteriza precisamente por seren constructores de monumentos pétreos, entre os que destacan as mámoas (dólmens, medorras, medas, antas, arcas…), pero tamén as pedrafitas (menhires), as aliñacións e círculos líticos, etc. Sobre todo as mámoas son abundantes e doadamente recoñecibles na paisaxe galega. Non hai, sen embargo, restos estudiados da cultura megalítica no val do Neira, aínda que si indicios da súa existencia, por exemplo nos topónimos "Monte das Madorras" (Preto de Lousadela e Vilarello, ó norte de todo de Láncara, no límite co Corgo), "Pedrafita" (Camporredondo, Neira de Rei), e outros.

3.-A IDADE DO BRONCE

A primeira industria metalúrxica foi a do bronce, e desenvolveuse en Galicia desde o 1900/1800 a. de C. ata aproximadamente o 1000 a. de C. Á marxe doutras características, sociais, económicas e de cultura material (o "vaso campaniforme", a propia metalurxia do bronce…), habitualmente asóciase este período cos petroglifos, (aínda que os hai anteriores, e desde logo posteriores, incluso medievais e modernos), por seren popularmente moi coñecidos, e tamén abundantes, aínda que sobre todo na franxa costeira. Na zona do Neira non se catalogou polo momento ningún petroglifo nin se estudiou ningún xacemento deste período.

4.-A IDADE DO FERRO: O PERÍODO CASTREXO

Durante a primeira metade do 1º milenio a. de C. prodúcese a chegada de diversos continxentes de poboación de orixe centroeuropea, unha "indoeuropeización" do cuadrante norocidental da Península Ibérica que comezara xa durante o Bronce e que continuou durante a Idade do Ferro, esta poboación, que tradicionalmente se cualificou de "céltica", é a que se asocia coa introducción da metalurxia do ferro, e que sumada o substrato da poboación local preexistente deu lugar á coñecida como cultura castrexa, que se irá desenvolvendo a partir do século X a. de C. para ter ou seu núcleo temporal entre o século VI a de C. e mediados do século II a. de C., en que xa se comeza a cualificar de "castrexo-romana".

O período castrexo caracterízase, desde o punto de vista arquitectónico, por un tipo de construcción (con función de casa ou lugar de habitación, de almacén, etc.) pétrea, de planta circular ou ovalada (aínda que evoluirá a cadrangular) e cuberta cónica e vexetal, e polo tipo de poboado no que se agrupan, amurallado e situado sobre unha elevación ou outeiro, que coñecemos por "castro", ou popularmente por "croa". A nómina de castros da zona do Neira é moi grande, centrándonos só nos máis doadamente recoñecibles pódense citar: Vilachá (Camporredondo), Carballedo, Neira de Rei (onde está a igrexa de San Miguel), Mazaílle (Lama), A Mocha, Sobrado (dous moi preto un do outro, ver foto), Santa Marta, Baralla, Lexo, Pousada (tamén dous, un onde está a igrexa parroquial), Berselos (no monte de Pando, ver foto), Lebruxo (tamén onde a igrexa), Covas (en Traspena), Láncara, Trascastro (Carracedo), Mourillón, Trasliste (preto de Toirán), Bande, San Xoán de Muro, Vilarello, Airexe, A Coba, Moscán (Póboa de san Xulián), Neira (Ponte de Neira), Ronfe, Rañoá, etc. Para localización ver "Plano xeral de patrimonio" e "mapa físico da zona do Neira", ou a folla nº 98 do Mapa Topográfico Nacional, escala 1:50.000.

A xénese do mundo castrexo está na transición definitiva do acampamento á aldea, no tránsito dun réxime económico de modelo itinerante á plena sedentarización, na transformación social e cultural que supón a construcción en pedra, duradeira, e os primeiros ensaios de urbanismo, así como de sistemas defensivos de amurallamento, pois esta nova situación de seguro trouxo consigo conflictividade social e territorial, coa posesión da terra como elemento básico no control do poder. O caracter defensivo dos castros apréciase na elección para o emprazamento de zonas en outeiros, doadas de defender, con boa vista do contorno (control visual doas zonas de labor, incluso control visual dos castros próximos), no aproveitamento dos desniveis do terreo e na construcción de muros e taludes… En calquera caso a dispersión destes poboados e o seu pequeno tamaño (polo menos na zona do Neira), e a non existencia apenas de achados de armas, relativizan o anteriormente dito, e pode afirmarse que a sociedade castrexa seguramente sería pouco belicosa, e estaría organizada en minúsculas comunidades campesiñas autárquicas (no que a economía básica se refire, hai constancia de comercio, pero sobre todo referido a elementos suntuarios).

Nun segundo nivel, a sociedade castrexa estaba organizada en pobos, "Os populi ou pobos indíxenas, extensas agrupacións de comunidades baseadas na organización preromana e que perviviron durante o Imperio Romano, deixando pegada incluso en épocas posteriores a nivel eclesiástico, toponímico, etc." (ARIAS VILAS, F. 1992, páx 33, ver bibliografía), estes pobos, segundo o mesmo autor, non poden equipararse co concepto de tribu nin tampouco co de "xentilidades", senón o de comunidades "stipendiarias" de Roma (que lle pagaban tributos) unha vez romanizadas, e das que esta aproveitou ó primeiro a súa base organizativa e territorial "cada populus funciona a xeito dun <<estado>> (con todas as salvidades e matizacións propias do caso), pero que está integrada por unha serie de sub-comunidades (os castella [castros]) que tiñan certa autonomía, cun territorio e uns dirixentes propios" (ibid. Páx. 35). Pois ben, polas fontes documentais das que se dispón (Estrabón, Plinio e Ptolomeo principalmente), todo parece indicar que o val do río Neira pertencería ó pobo dos Seurros (ou Seburros ou Seurbos), segundo interpretan os historiadores do XIX e o XX, como José Villa-Amil y Castro, que afirma "Al oriente de los Caporos señala Plinio a los Seburros, que se cree sean los mismos a quienes Tolomeo da el nombre de Seurbos ó Seurros, señalándolos por capital a Talamina; la misma ciudad, se supone no sin fundamento, que se encuentra con el nombre de Timalinum en el Itinerario Antonino" (Villa-Amil y Castro, J. 1886, páx 18, ver bibliografía). O Seurros ocuparían seguramente as terras ó norte de Sarria (O centro-este da actual provincia de Lugo, por riba dos Lemabos que ocuparían o sur, arredor da chaira de Lemos, e por baixo dos Cibarcos e outros que se situarían máis ó norte). Ademais das fontes literarias romanas, hai noticia deste pobo na epigrafía, en nomes propios coa forma de xentilicio aparece, por exemplo, en Moncorvo (Portugal) o nome dun "Seurro C. Narelia" e un "Seurra Transminiensi c. Serante" (ARIAS VILAS, F. cit., p. 37, citando a J. Santos Yanguas).

4.-A ROMANIZACIÓN

A partir dos primeiros contactos cos romanos, no marco das guerras lusitanas, cara o 140 a. C., comeza un proceso paulatino que conleva paralelamente a conquista e sometemento do mundo castrexo á autoridade romana e por outro lado a "romanización" da sociedade castrexa, a adopción do modelo de civilización romano por parte da poboación autóctona. Este proceso xeralmente divídese en dous períodos:

-Fase castrexo-romana (mediados do século II a C.-mediados do I d. C.): As comunidades castrexas estaban nun proceso de "celtiberización", cunha sociedade cada vez máis complexa e desenvolvida, un urbanismo e unhas estructuras defensivas que fan supor unha cada vez maior capacidade de acometer grandes obras (Briteiros, Santa Tegra ou Elviña poderían ser exemplos). Neste contexto prodúcense as expedicións de Décimo Xunio Bruto (desde o sur, nos anos 96-94 a. de C.) e de Cesar (marítima, ata Brigantium -Coruña-Betanzos-, no 61 a. C.), e finalmente as guerras Astur-Cántabras (as chamadas a miúdo "Cántabras", pero que atinxen a todo o cadrante Noroeste da península), con Augusto, entre os anos 29 a. C. e 50-60 d. C., e que suporán o sometemento definitivo dos pobos do N.O. peninsular.

-Fase galaico-romana (finais século I-século III): Prodúcese a romanización efectiva, a introducción do latín, o abandono do hábitat castrexo e a aparición do modelo de "vilae", a concesión do Ius Latii á poboación en época flavia...

Esta fase comeza coa fin das Guerras Cántabras. Segundo podemos saber por Estrabón e Floro, Augusto ordeou o abandono dos emprazamentos máis montañosos, e obrigou ó asentamento nas chairas e vales, o que supuxo o abandono dalgúns castros e o comezo da romanización dos restantes. A dispersión e o ruralismo característica do período castrexo, aínda que seguiu sendo dominante, comezou a coexistir coas "mansions" romanas e coas incipientes urbes. De época de Augusto son as fundacións de Braga, Lugo e Astorga, un pouco posteriores (de época Flavia) serán Iria Flavia, Aquae Flaviae (Chaves), Flavium Brigantium (A Coruña), etc. En calquera caso, os novos tipos de asentamento, (en realidade de reasentamento ou absorción da poboación castrexa), as "vilae" e "vicus" manteñen unha semellante distribución territorial da poboación. As "vilae" son mansións rurais, propiedade de señores romanos ou romanizados que dispoñen de servos e escravos ou colonos; un "vicus" é un asentamento, igualmente rural, pero de pequeno tamaño e pequenos propietarios, os "vici" tamén están dedicados á explotación agraria e gandeira, (Arias Vilas, cit., páx. 63), e ubícanse xa maiormente nas chairas, vales, ou abas dos montes onde antes estaban os castros. Só temos rastro deles polas fontes literarias e pola toponimia (os "Vigo"), porque dadas as súas características son de difícil constatación arqueolóxica, na zona do Neira non hai descuberto vestixio material de ningún.

Administrativamente, os "populi" en que se organizaba a sociedade castrexa (xa dixemos que a zona do Neira pertencería seguramente ós Seurros), integráronse neste periodo nun nivel de adscipción superior, este xa romano: o "conventus". As terras do Neira pertencían ó Conventus Lucensis, un dos tres que xunto ó Bracarensis (con capital en Bracara Augusta, Braga) e o Asturicense (en Asturica Augusta, Astorga) formaban a Gallaecia. A presencia de indíxenas castrexos deste convento nas milicias romanas debeu ser importante, coñécense máis de trinta alas ou cohortes de procedencia galaica, algunhas do convento lucense, das que se ten noticia sobre todo por inscricións de epitafios funerarios, Narciso Santos cita a súa presencia en lugares tan afastados coma a Germania Inferior, Panonia, Dalmacia, Macedonia, Siria, Moesia e Thracia (actual Bulgaria), etc. Aparecen con frecuencia tamén na epigrafía nomes de persoa concretos de soldados galegos e lucenses espallados polo imperio adiante (pódese ver pequena lista "a xeito de incompleto parte de guerra" en ARIAS VILAS, F. cit. páx. 40).

Nestes séculos culminaríase pouco a pouco a romanización. Romanización que podemos caracterizar pola introducción do panteón de deuses romano (sen que necesariamente signifique o abandono do panteón local ata a extensión do Cristianismo), o aludido cambio de hábitat (dos cumes das montañas ós vales) a introducción de novas prácticas e ferramentas agrícolas, así como a aparición dun certo comercio, e por suposto unha importante transformación social. Entre os elementos máis significativos desta romanización está a introducción do latín "... tense sinalado como unha das grandes novidades civilizacionais de Roma o feito de que o concepto básico de populus romanus é político, non étnico [pero] o coñecemento da lingua latina era condición inescusable para a obtención da cidadanía romana". (Monteagudo, H., 1999, p. 55, ver Bibliografía), ademais "Hai que lembrar que os romanos non aceptaron como oficial outra lingua distinta do latín (exceptuando o grego), ignoraron tódalas outras linguas como "bárbaras" [...] e sinxelamente refugaron entendelas: todo o máis admitiron que os indíxenas se lles dirixiran a través de interpretes". (ibid, p. 54). Aínda que coexistisen as linguas autóctonas e o latín durante un prolongado período de tempo, ó cabo "En termos sociolingüísticos , podemos dicir que o estado romano impuxo unha diglosia social e funcional de facto, que desencadeou un proceso masivo de asimilación lingüística que conduciu en case toda a área occidental do imperio á extinción das linguas autóctonas" (ibid, p.56), que só deixarán rastro no noso caso a través do substrato rastrexable no galego actual, pois "Ante a evidencia negativa que proporciona a ausencia de calquera indicio, parece demostrado que no noroeste da península a escritura era descoñecida antes da chegada dos romanos [...]tódalas inscricións que se conservan (sempre de época augusta ou posterior) están escritas en latín, aínda que nelas abunda a onomástica indíxena (nomes de persoas e divindades)" (ibid, p.59).

Para a romanización do territorio do Neira foi especialmente importante o feito de atoparse no camiño de Lugo a Astorga, sendo un dos lugares naturais de acceso ó Noroeste desde a meseta (probablemente comezase antes que noutras zonas da Gallaecia máis afastadas das vías de comunicación). A calzada de Braga a Astorga "per loca marítima" por aquí pasaba, segundo se deduce, amais de por indicios arqueolóxicos, do reflectido no "Itinerario de Antonino", a principal fonte para coñecermos os trazados das vías romanas da Península (ver mapa vías romanas zona NW). O Itinerario Antonino afirma literalmente "Itinera a Bracara Asturicam: Luco augusti mpm XIII, Timalino mpm XXII, Ponte Neviae mpm XII. Item per loca marítima á Bracara Asturicam: Luco Augusti mpm XVII, Timalino mpm XII, Ponte Neviae mpm XII". Esta Vía XX "pola costa" sairía de Braga, cruzaría o Miño en Tui, seguiría cara ó Norte ata Brigantium ou un lugar cercano, e desde alí tomaría dirección Este cara a Lucus e de alí continuaría ata Asturica. Entre Lugo e Astorga, as mansións do Itinerario de Antonio Pio e o seu probable emprazamento serían (segundo Arias Vilas, cit, páx. 50):

Luco Augusti-----------m.p. XVII---(Lugo)
Timalino/ Talamine------m.p. XXII--(¿Vilartelin?)
Ponte Neviae/ Navia----m.p. XII----(¿Ponte de Gatin?)
Uttaris------------------m.p. XX----(¿Golón-Manzanal?)
Bergido-----------------m.p. XVI---(Castro Ventosa-Pieiros)
Asturica-----------------m.p. L------(Astorga)

Parece seguro polo tanto que Timalino estaría entre Lugo e esa Ponte do Navia, pero o trazado real sobre o terreo deste tramo de Lucus a Astúrica está mal documentado, e aínda que seguramente non iría moi afastado do Camiño Real de Carlos III, (e polo que se refire ó tramo do Neira seguramente tamén próximo o trazado da actual estrada Nacional VI), non temos seguridade do emprazamento exacto de Timalino. José Villa-Amil y Castro interpreta o asunto do seguinte xeito: "Marca el Itinerario, como arriba queda consignado, el pueblo ó mansion Timalinum á XXII millas de Lucus con dirección á Asturica (hoy Astorga), lo que nos da a conocer que estaba situado al oriente de Lugo; único dato que, en unión con la distancia que marca el Itinerario, tenemos para marcar su situación. Generalmente se ha asignado hasta ahora como el punto en que estuvo esta mansión el lugar de Villartelin en el valle de Neira de Jusá entre Lugo y Los Nogales, donde se encontraron restos de la via romana; pero ahora se reduce con más probabilidad á un lugar algo distante de éste, á media legua al oriente de Baralla [Constantin]. Zurita y otros varios autores han sospechado que esta ciudad es la misma que marca Tolomeo en la región de los Seurros, á 8º 30´ de longitud y 44º con 30´ de latitud, con el nombre de Talamina, por efecto de una de las metátesis tan frecuentes en este geógrafo" (Villa-Amil y Castro, J. cit, páx. 19) O Padre Risco conta as mesmas 22 millas de Lugo cara a Astorga, e calcula que Talamina "es muy verosimil que sus vestigios se conservan en el que hoy se dice Villar Telin, donde se hallan restos de la via militar" (Risco. Fr. Manuel, MDCCXCVL, Páx. 41, ver bibliografía). A historiografía contemporánea, sen que exista polo momento refrendo arqueolóxico para a ubicación de Timalino/Talamina, tende a aceptar o lugar de Vilartelin como probable e desde logo o contorno da actual Baralla como seguro. Desde o noso punto de vista o emprazamento de Timanlino en Vilartelín non pasa de mera hipótese, e podería haber outras, como Sobrado, onde existen dous castros, un de dimensións bastante grandes para o que é habitual na zona (moi ben visible tamén desde a autovía, ver foto xa citada), e outro de tipoloxía tardía (está nunha chaira, non se aprecian murallas...) que podería ser incluso unha "vilae" ou un "vicus" (ver máis abaixo), ou Neira de Rei, onde apareceu un exvoto e outros restos... Evidentemente só con axeitadas prospeccións arqueolóxicas se poderá algún día avanzar no coñecemento destes aspectos. Con ocasión da construcción da autovía fixéronse varias prospeccións e incluso excavacións completas (un castro na subida de Neira de Rei a Becerreá, uns fornos romanos destruídos co paso da Autovía...), existen tamén os inventarios de patrimonio arqueolóxico, pero non hai nada publicado, aínda que a Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia ten en proxecto colgar toda esta información en Internet.

Á falta, como se dixo ata aquí, de rastro seguro do trazado sobre o terreo desta Calzada romana, tense relacionado con ela a ponte do Mazos, (así o fixo Amor Meilán na súa "Geografía del Reino de Galicia", e hai incluso noticia dunha inscrición epigráfica, ver por exemplo Pardo de Neira, cit. páx. 29), pero hoxe considérase unha construcción medieval. Quizais a ponte de Covas si teña unha orixe romana "Son moito máis numerosas as pontes que só conservan parte da súa cimentación ou cepos romanos, como a de Ourense ou a de Lugo […] e quizais as de Brandomil sobre o Xallas e a de Covas sobre o Neira" (Arias Vilas, ibid, páx. 54), pero neste caso pertencería a un ramal ou atallo da Vía XX (foi tamén esta ponte parte dun atallo ou ramal do Camiño Francés a Compostela), pois tódolos autores tenden a situar o paso do río Neira desta vía por preto de Baralla, uns 5 Km. augas arriba de Covas (Ver se se quere a sección "Arte e Patrimonio: As pontes", onde hai fotos e descrición destas construccións). Dous miliarios atopados en Arxemil (O Corgo), un deles cunha inscrición romana retocada en época moderna poderían ser desta Vía XX. Este dato, xunto con outros permítenlle a Pardo de Neira (cit., páx. 32) aventurar o seguinte trazado "esta vía cara a Timalino saía da civitas lucense pola porta toledana -Tamén chamada Porta de San Pedro- cara a Santa María de Bóveda e San Lourenzo de Recimil, de onde ía a Arxemil, cruzando o río Chamoso e San Miguel de Pedrafita, Pedradereita, o río Tórdea, Santa Cruz do Picato, o lanzal do castro de Sobrado, Vilartelín e Timalino, co que de novo demostramos que as XXII milias que separaban lonxitudinalmente Lucus e Timalinum correspóndense cos máis de trinta e dous quilómetros que unen a actual Lugo e o emprazamento de Timalino" (cálculo de XXII milia passun como 32.556 metros).

Villa-Amil recolle aínda algún dato documental máis que podería ter relación coa zona do Neira "En la región de los Seurros [...] coloca Tolomeo á los 8º 30´ de longitud y 45º con 10´ de latitud á Aquae Quintinae, nombre completamente latino, tomado de algún romano llamado Quinto, y que debe referirse a algunas aguas medicinales, cuya situación, guiados por la semejanza del nombre, colocan algunos en Quintela, nombre con el que se conocen varios lugares de la provincia de Lugo [máis de un nesta zona]" (cit, páx. 20). Outros, probablemente con menos fundamento, situárona en Guntin, en Vilarquinte, etc. pero polo momento non parece haber evidencias arqueolóxicas deste asentamento por ningures. Verea e Aguiar, na súa Historia de Galicia, de 1838, e outros despois seguíndoo, situaron a coñecida como "estación de Caranico" tamén na zona de Vilartelín, pero a historiografía actual descarta tal posibilidade, situando Caranico en Parga.

As testemuñas materiais ben coñecidos e estudiadas do periodo romano son como se ven dicindo escasas, só restos espallados atopados illadamente, os principais deles epigráficos: dúas lápidas de carácter votivo atopadas en Aranza (moi preto de Baralla), pode que relacionadas co asentamento de Timalino, catalogadas por Hubner no seu Corpus Inscriptionen Latinarum de 1869 cos números 2537 e 2538, e un exvoto atopado en Penarrubia (Neira de Rei), conservado no museo provincial de Lugo. Os textos respectivos son os seguintes (tomados todos tres de PARDO DE NEIRA, cit. Páxs. 30-32):

IOV
OPT.MAX
Q. PV…
DIONYSISIVS
EX VOTO

(consagrada -ou dedicada- a Xúpiter Óptimo Máximo por Dionisio)

TUTELAE
L. ANTRONIUS
AVITUS. CVN
FILIS. ET. ZOSIMA. L
EX VOTO

(Consagrada á deusa Tutela -deusa das colleitas- por L. Antronio Avito xunto cos seus fillos e Zosima L.)

LARIBV
VIALIBV
PLACID
NA EX
OTO P SVIT
(Dedicado ós Lares Viales por Placidina)

Arias Vilas (cit., páx. 76) cita tamén uns relevos funerarios atopados en San Martiño de Río (Láncara), con figuras planas cunha especie de toga, e a estela de Ponte Neira (O Corgo), sen dar máis datos.

5.-O PERÍODO FINAL GALAICO-ROMANO

Nos séculos III e IV, coa crise económica e social do Imperio, que supuxo a polarización da poboación entre un poucos e ricos "honestiores" e unha masa de empobrecidos "humildiores", prodúcese o amurallamento de moitas cidades (Lugo é o exemplo característico) e o retorno de parte da súa poboación ó campo, o que unido a un certo auxe demográfico supuxo a reocupación de moitos dos castros que foran abandonados (é posible que moitos nunca o fosen de todo, e que neste período tan só medren demograficamente), e un auxe das "vilae" rurais que deixaron ampla pegada na toponimia na forma latinizada dos seus propietarios (Bande, de "Venatius", podería ser un exemplo). Algúns castros, situados en chairas e sen ningunha ou case ningunha estructura defensiva responden a un novo tipo de asentamento, que a bibliografía tende a cualificar como período Recente ou Final do castrexo (é dicir, dos séculos I ó III d. C.), aínda que poderían ser tamén asentamentos tipo "vicus". No caso do val do Neira hai algún lugar coñecido co microtopónimo de "castro" ou "croa" e situado en zonas chairas e que non presentan a habitual fisionomía dos castros, son por exemplo os de Láncara (na esquerda da estrada LU-621, en dirección a Baralla, á altura do Km 10´8 aproximadamente), e Sobrado de Picato (ó lado da N VI, á dereita dela en dirección a Lugo, á entrada do pobo de Sobrado e a escasos metros do castro da Croa, este ó outro lado da N VI) e que poderían responder a esta tipoloxía de poboados do castrexo final ou a estes "vicus" xa comentados. Por outra banda, contra a fin do imperio romano, consonte ó deterioro das estructuras de poder e a crise económica e social, produciuse un certo "renacemento indíxena", é dicir, das formas de vida (reocupación de algúns castros…), crenzas, etc. castrexas, elementos que en realidade non desapareceran nunca, pero si pasaran a un segundo plano social coa romanización e o longo período de dominio imperial.

En calquera caso, a romanización desta zona completouse nestes séculos, no momento en que en realidade as estructuras de poder romanas estaban xa en plena crise. Fose cal for o tipo de asentamento da poboación esta estaría plenamente integrada na sociedade galaico-romana. Nos propios castros aparecen evidencias de romanización, a teor dos abundantes restos de tellas de barro (elemento diacrítico para os arqueólogos na constatación da romanización dun xacemento) que aparecen con frecuencia nos que se dedican a labores agrícolas, cousa que se fixo especialmente notoria nos anos 80 e 90 do século pasado, cando na zona se estendeu o uso de tractores, que ó afondar máis que os arados romanos tradicionais -repárese na ironía do asunto, os arados romanos preservando o legado preromano, e a superación do legado romano concluíndo un par de miles de anos despois- arrancan algúns elementos superficiais dos estratos, como as tellas de barro das cubricións. Outro elemento concluínte na culminación do proceso "romanizador", este máis difícil de rastrexar nesta época, é a adopción do cristianismo, (determinante na extensión do uso do latín, na desaparición do vello panteón de deuses locais, etc.) cristianismo que fora xa serodiamente intruducido, seguramente no século III e por soldados da Legio VII Gemina.

 


ÍNDICE DO
CAPÍTULO:

1-O PALEOLÍTICO

2.-NEOLÍTICO e MEGALÍTICO

3.-A IDADE
DO BRONCE

4.-A IDADE DO
FERRO: O PERÍODO CASTREXO

4.-A
ROMANIZACIÓN

5.-O PERÍODO FINAL GALAICO-ROMANO

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 


Serra de Pando e
castro de Berselos

 


Castro de Sobrado

 


Plano elementos
de patrimonio

 


Mapa físico da zona

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 


As vías romanas no NW peninsular

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Historia

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

























 

 

 


















 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 




 

 

 

 

 

 


Valdoneira 2002-3