A web do val do río Neira
TELLO DE NEIRA
(Historia)

O personaxe "Tello de Neira" de Lope de Vega

Segundo recolleron primeiro Amor Meilán e logo case tódalas historias que mencionan esta zona, a obra "El mejor alcalde, el Rey" de Lope de Vega inspirouse nun suceso real acontecido entre un cabaleiro e un labrador destas terras.

Na Crónica de Afonso X refírese un feito ocorrido en tempos de Afonso VII (1126-1157), no que un infanzón de nome Ferrando de Neyra se apropiou das terras dun labrador, que acudiu ó rei en busca de xustiza. Ante o fracaso dos intentos de solución, por negativa de acatamento da xustiza real por parte do infanzón, o propio monarca viaxa a esta terra (na aldea de Pousada estaba o pazo destes Neyras), captura e axustiza o infanzón, e devolve a terra ó labrador.

Lope parece que coñeceu estes feitos a través da "Crónica General de Ocampo" que publicou entre 1543 e 1578 o cronista de Carlos I Florian Docampo, recompilando e refundindo informacións de crónicas anteriores. Lope utilizou esta información para a súa peza, pero trocou algúns elementos, como o nome do de Neyra, a quen puxo "Tello", e o motivo da afronta, que converte en asunto amoroso (máis propio para o drama) coa "toma" dunha moza por parte deste Tello de Neyra, pero mantendo o resto de elementos: a vileza e afronta, e logo desacato, do infanzón, o seu axustizamento e restitución da xustiza por obra da intervención real...

Para máis detalles disto pódese ver, por exemplo, Pardo de Neyra, (1998, páxs. 101-103) ou a "Historia de la Provincia de Lugo" (1918) de Amor Meilán (ver "Bibliografía").


 

 

 

 

 









   

Volver a "Páxina inicio Valdoneira".
Volver a sección: "Historia medieval."


Valdoneira 2004-5