A web do val do río Neira
A TERRA
(Historia)

A PROPIEDADE DA TERRA:
DESAMORTIZACIÓN E REDENCIÓN FORAL

Para a xeneralidade de Galicia, segundo Ramón Villares (Desamortización e réxime de propiedade. Vigo, A Nosa Terra, 1994. Páx. 24) "Na transformación do réxime de propiedade da terra, de caracteres aínda feudais, serán decisivos no XIX tres factores: Novas leis de abolición dos señoríos; A supresión dos morgados; A desamortización dos bens da Igrexa", sen embargo estes factores revisten caracteres complexos, que o mesmo autor analiza:

-A abolición dos señoríos redunda en realidade "nun bo negocio" para os nobres, pois cambian a perda dos dereitos xurisdicionais pola afirmación dos seus dereitos sobre a terra. É deste xeito como se "legalizan" moitos dos contratos forais. Contrariamente ó que ocorría noutros sitios, onde o foro tende a ser substituído por outras fórmulas de contrato agrario, o sistema foral galego vense consolidando xa desde o século XVI. Aínda que son moi poucos os foros que desde o século XIII se estipulan "a perpetuidade", establecérase unha tendencia á renovación forzosa, que aínda que deu lugar a conflictos (a "polémica dos despoxos", no S. XVIII), foi responsable da extrema lonxevidade de moitos dos foros galegos (Villares, cit. Páx. 44-47). No 1823 e 1837 fixéranse excepcións recoñecendo foros e outras prestacións señoriais, moitas innominadas e sen título, que foron recoñecidas polos pagadores "por sorpresa, ignorancia o coacción" (López Otero, 1934: 11-13), isto será logo abolido pola República coa Lei 22 de Reforma Agraria, aínda que era xa tarde para que tivese eficacia, pois a maioría foran redimidas pola compra, (Xulio Pardo de Neyra. Lugo, Cultura e República. Ed do Castro 2001. páx. 128), pero dá idea da complexidade do proceso e dos abusos que se cometeron.

-Estaba moi estendida a forma foral/subforal, con variadas formas de concesión subordinada da terra a través de intermediarios, (significa que era habitual que os cobradores dos foros fosen distintos dos titulares do mesmos, sobre todo se estes eran monásticos, co que eran pouco frecuentes os dominios directos), o que leva estes foros a unha "interinidade legal" que dificultou que os nobres consolidasen os seus dominios, pero tamén propiciou que chegasen en moitas ocasións ó século XX sen terminaren de ser redimidos.

-"A desamortización en Galicia é fundamentalmente a privatización de bens de procedencia eclesiástica, que viñan sendo explotados por campesiños gravados con desiguais cargas forais, privatización que como veremos non significará necesariamente que estes campesiños accedan a esa propiedade, senón que cambie de mans a titularidade das cargas, a miúdo para os intermediarios que as viñan xa explotando como indirectos posuidores" (Villares, cit. Páx. 64).

Este proceso desamortizador comezou nos anos 1835-36, pero concentrouse nos períodos 1840/44, 1855/56, e 1859/67, aínda que foi un proceso máis ou menos permanente e que se alongou ata o século XX. Na provincia de Lugo afectou sobre todo ós mosteiros de Samos (que concentra máis do 16% da riqueza desamortizada ó clero regular na provincia, e máis da metade das súas rendas de cereais tiñan cerca de douscentos anos de antigüidade), Meira, S. Vicente do Pino, Vilanova de Lourenzá, Penamaior e Ferreira de Pantón, amais de outros limítrofes e varios conventos como o dos Agostiños de Sarria (que renovara os seus foros no ano 1704), ou A Nova e San Domingos de Lugo. Outro caso importante é o da desamortización da Encomenda de S. Xoán de Portomarín, en 1847 decrétase a venda dos seus "ben raíces, censos, rendas, dereitos e accións", pero a redención non se permitirá ata 1850, e haberá que prorrogala polo escaso éxito que acada. Sen embargo no 1855 a riqueza vendida e redimida eran aproximadamente do 50% cada unha, unha proporción de redencións moi superior á acadada respeito das desamortizacións do clero regular (Villares, cit. Páx. 165-66).

En canto ó tipo e contías das rendas forais, Villares (cit. Páx. 102-3), aporta datos das rendas percibidas polo clero regular: As tres cuartas partes eran de cereal, monetarias algo por riba do 10%, e de viño e castañas algo por debaixo tamén do 10%. Isto revela unha agricultura cerealista con predominio do centeo.

Rendas Forais na Provincia de Lugo:

Rendas / Anos
1839/49
1924
Trigo
14,5%
10,2%
Centeo
60,7%
66,8%
Castañas
2,5%
0,8%
Viño
7,2%
8,5%
Metálico
10,6%
6,8%
Servizos
4,5%
6,9%

-Os procedementos de privatización dos bens desamortizados son dous: a venda en pública poxa, e, no caso de censos e foros, a redención (acceso á propiedade da terra por parte do labrador que a traballa mediante unha indemnización ós titulares do foro), pero esta a penas puido ser practicada pola tardanza na súa regulación eficaz, polo que predomina a primeira. A regulamentación de 1836 para executar as redencións recoñece o dereito dos foreiros a redimir os foros aínda que sexan a perpetuidade ou por tres ou máis vidas, e dálles un prazo de seis meses para exercelo, transcorrido este prazo sairían a pública poxa. A redención faríase de xeito moi esporádico, aínda que se mantivo en vixencia moitos anos, acadando só o 4,8% de todas as rendas monásticas transferidas (Villares, cit. Páx. 148-49), co que case todos os bens eclesiásticos desamortizados rematan en poxa pública.

Entre os compradores destes bens desamortizados en xeral predominan compradores urbanos e os que xa tiñan unha relación cos bens poxados, normalmente intermediarios que mercan as rendas que eles mesmos viñan administrando, pero tamén hai nobres, como (para o que á zona do Neira nos interesa) Apolinar Suárez de Deza ("Gran señor das casas de Láncara, Bergondo, e outras", residente en Vilafranca e Ponferrada, no Bierzo, e comprador de foros en outros moitos lugares, como Celanova, Bergondo, Asturias...). O número de fidalgos rurais que mercan bens desamortizados é pequeno, pero algúns fan desembolsos importantes: A familia Somoza del Río (Láncara), Inés Rosón (Cancelada, Becerreá), Antonio María Quiroga (A Pobra)...

Algúns compradores e prezos pagados na zona do Neira foron:

-A familia Somoza del Río (Río, Láncara):
D. Juan Manuel Somoza: 594 Reás de Vellón, ó mosteiro de Samos.
D. Antonio Somoza: 159 R. V., ó priorato de Freituxe.
-Dª Inés Rosón (Cancelada, Becerreá): 1.200 R. V., ó mosteiro de Penamaior.
-D. Antonio María Quiroga (A Pobra, reside en Monforte): 462 R. V., ó mosteiro de Ferreira de Pantón.
- D. Manuel Vázquez Cardóniga (Río, Láncara): 382 R. V. ós conventos da Nova e O Pino.

(Datos tomados tamén de Villares, cit. Páx. 184, 189 e 209)

No século XX será cando definitivamente se traspase a propiedade da terra ós labradores, nas dúas primeiras décadas no medio de presións e mobilizacións das organizacións agrarias, que tiveron certa repercusión na zona do Neira:

-O "Comité Antiforista de Becerreá" tivo actividade en toda esta zona, e participou na campaña antiforal de 1908-9. Foi unha campaña abolicionista, que propoñía superar a reivindicación do redencionismo para pedir directamente abolición dos foros (Miguel Cabo Villaverde. O Agrarismo. Vigo, A Nosa Terra, 1998, páx. 71-73).

-O "Sindicato Agrícola de Láncara" (afín a "Solidadaridad Gallega") organizou un mitin dentro desta campaña de 1908-9, o presidente deste sindicato de Láncara era o propietario Ramón Osorio (que sería elixido presidente da Xunta Provincial Luguesa da Federación Agrícola del Noroeste), que chegou a ter unha "Caixa Rural" e segundo a prensa 1.500 socios (Cabo Villaverde, 1998, cit. Páx. 74), aínda que isto de seguro é esaxerado, a poboación do concello eran pouco máis de 5.000 habitantes.

-Fracasado o xerme da Federación Agrícola del Noroeste, na década de 1910 organízase a Junta de Sociedades Agrarias, de inspiración católica, na que están representados o Sindicato Agrario de Láncara e unha Sociedade Agraria de Baralla (Cabo Villaverde, 1998, cit. páx. 107).

-O 7 outubro de 1924 aparece en "El Porgreso" de Lugo a noticia dunha Reunión da Federación Católica Agraria de Lugo, que presidía Eduardo Rosón López, que contou con participación de representantes de Baralla, e que acorda, entre outras cousas, medidas contra a peste porcina e a construcción dun matadeiro.

-No 1931 existía un "Bloque Campesino Autónomo de Baralla", afin ó partido galeguista. (Cabo Villaverde, 1998, cit. páx. 188).

A "redención foral" desenvolveuse ó rebufo das mobilizacións agrarias comentadas. Para cando no 1926, o Directorio saca adiante a Lei de Redención Foral, que levaba pendente desde o Código Civil de 1889, ou xa desde a Real Provisión de Carlos III no 1763, moitos dos foros foran xa redimidos, normalmente por vía da compra da titularidade por parte dos usufructuarios, pero tamén polas presións cos impagos das rendas. O decreto de 1926 permitía ó pagador foreiro facerse coa propiedade mediante unha indemnización ó "dono", pero as condicións que se fixaran eran bastante favorables para os cobradores dos foros, pois na maioría dos casos taxáranse nunhas vinte veces o valor da renda, cantidades que non puideron pagar algúns foreiros, co que paradoxicamente algúns donos de foros conseguiron consolidar o dominio efectivo das terras. Este decreto foise aplicando ós poucos, ata completarse na 2ª República, onde se puxo fin efectiva ó réxime foral. Na zona do Neira é neste tempo (Dictadura de Primo de Rivera e República) cando rematan os últimos foros, e a igrexa e as grandes casas desta zona perden os seus privilexios (man de obra, rogas, dezmos...), e moitas das súas propiedades, aínda que os curas mantiveron durante o franquismo parte das súas prebendas e privilexios.


 

 

 

 

 









 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

   

Volver a "Páxina inicio Valdoneira".
Volver a sección: "Historia contemporánea."


Valdoneira 2004-5