A web do val do río Neira
TRASLADO DO CONCELLO DE LÁNCARA
(Historia)

O traslado do concello de Láncara
(Versión dos feitos procedente da memoria oral)

A capital do concello de Láncara era "desde que se recorda" Láncara, e o edificio do concello estaba emprazado en Carracedo, onde máis ou menos polo 1910-15 lle fixeran un edificio novo.

Nos anos cincuenta a corporación decidiu trasladalo á Pobra de S. Xulián, que era xa unha vila (fronte a Carracedo e Láncara, que seguían sendo "aldeas"), sobre todo desde a construcción da vía férrea, e tiña a única estación da zona. A isto xuntáronse intereses persoais e "ideolóxicos": na Pobra había uns cantos falanxistas e tamén "novos-ricos" que querían sacar a capital "da aldea".

Impulsados ó parecer por "Carril de S. Xoán de Muro", un terratenente de moi preto da Pobra, que tiña irmáns e fillos curas, e máis xente influínte na familia, e polo da "Casa Grande" da Pobra (dos Quiroga), fixeron todos os trámites rapidamente, forzaron a firmar a todos os membros da corporación, incluso un de Vilaleo, que estaba enfermo, fórono buscar e trouxérono a asinar envolto nunha manta. Desta maneira a capitalidade e a sede do concello pasaron para a Pobra da noite para a mañá.

Pouco tempo despois entrou de alcalde Luís de Osorio, que tiña pazo e terras en Láncara, e trouxo de novo para Láncara o concello. Empezou entón un tira-puxa entre os da Pobra e os de Láncara, capitaneados polos respectivos "cabecillas", que procuraban apoios na xente pero tamén "recomendacións en Madrid".

Cando a decisión da volta para a Pobra parecía firme, o Osorio "desapareceu" (díse que estaba en Madrid facendo xestións, tamén que se escondera temendo represalias…) e os veciños decidiron actuar pola súa conta. Desencadeouse entón en Láncara un verdadeiro movemento popular de defensa dese emprazamento, movemento que mesturaba intereses e fobias contra os da "vila", sentimentos de discriminación e de desprezo polos "señoritos". Organizáronse en turnos, que incluían os veciños das aldeas próximas como Outeiro e Toirán e máis afastadas como Cedrón, e decidiron impedir o traslado físico do concello (mobiliario, expedientes…). Cando apareceu un camión para o traslado acompañado dun piquete da Garda Civil lograron impedilo sentándose todos ás portas do edificio e cortando o acceso. Mantiveron esta situación cun sistema de turnos e de avisos chamando coas campás. Pero a Garda Civil volveu con reforzos procedentes de Sarria e varios vehículos. Empregáronse fondo, e a base de golpes e culatazos das armas, detiveron os homes e dispersaron as mulleres. Finalmente levaron nun camión os enseres do edificio do concello e noutro os detidos. Polo camiño moitos saltaron da caixa e escaparon, os outros ó chegar á Pobra soltáronos sen cargos, pero a capitalidade e o emprazamento do edificio do concello quedaron na Pobra desde aquel abril de 1958.


 

 

 

 

 









 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

   

Volver a "Páxina inicio Valdoneira".
Volver a sección: "Historia contemporánea."


Valdoneira 2004-5