A web do val do río Neira
   
Concello de Láncara
(Portada)


O concello

BARALLA pertence á comarca de Os Ancares e ó partido xudicial de Becerreá (antes Cruzul). Limita cos concellos de Becerreá, Baleira, Castroverde, O Corgo e Láncara. Ten unha extensión de 148´5 km2 (140´85km2 segundo outras fontes) e unha poboación de 3.342 habitantes, en datos do padrón de 2002. É unha poboación maioritariamente avellentada, cun crecemento vexetativo negativo moi acusado, a densidade en consecuencia é baixa, aproximadamente de 22 hab. por Km2, moi lonxe dos 94´4 de media de Galicia, a pesar de partir dunha densidade relativamente elevada ata mediados do século XX (cunha "poboación de feito" que chegou a ser de 7.129 hab. no 1940), pero desde aquela a emigración continua que xa se viña padecendo fíxose xa verdadeiramente masiva, e a natalidade foi caendo ata as taxas mínimas de hoxe en día. Mais información sobre evolución demográfica en "Historia: Hª Moderna e Hª Contemporánea" e en Fariña Jamardo, Xosé, 1993, páx 359 e ss (ver "Bibliografía").

O nome

A denominación do termo municipal pasou por diversas vicisitudes, desde a primitiva configuración en dous concellos distintos, "Neira de Rei" e "Neira de Jusá" (castelanizado), o período 1840-1975 en que xa unificado tivo o nome oficial de "Neira de Jusá" (NEIRA DE XUSÁ), ata a denominación actual, froito dun acordo da corporación do ano 1974 (aprobado polo Consello de Ministros en marzo de 1975) en que se fixa como nome do concello o da súa capital: Baralla.

As parroquias

Neira de Xusá ten 81 entidadades de poboación distribuídas en 29 parroquias (ver "Mapa parroquias Baralla", tomado principalmente de Fariña Jamardo, 1993, cit.). A relación de parroquias actuais é: Aranza (Santiago), Arroxo (San Xoán), Baralla (Santa Mª Madanela), Berselos (San Martiño), Costantín (Santa María), Covas (Santiago), Ferreiros (San Pedro), Francos (San Salvador), Guimarei (San Tomé) , Laxes (San Pedro) , Lebruxo (San Tomé), Lexo (San Xoán), Pacios (Santa María), Pedrafita de Camporredondo (San Xoán), Penarrubia (Santa María), Piñeira (San Salvador), Pol (Santa María), Pousada (Santiago), Recesende (San Cirilo), Riba de Neira (Santalla), San Estebo de Neira, San Martín de Neira de Rei (San Pedro), San Miguel de Neira de Rei (San Miguel), Sixirei (San Pedro), Sobrado de Picato (Santa Cruz), Vale (San Xurxo), Vilachambre (Santa Mariña), Vilarpunteiro (Santa Marta), Vilar (San Cibrao), e Vilartelín (Santa Eufemia). Coa crise poboacional (e a de curas, que tamén escasean), algunhas hoxe están anexas a outras, como San Estevo de Neira, a Pousada, ou Riba de Neira a Covas...

Desapareceron como parroquias Traspena (San Mamede), e Teixeira (S. Pedro), que figuraban aínda nunha relación de 1835.

Os topónimos

"NEIRA" ten probable orixe no termo latino "nigra" (negra), termo pode que referido á cor da terra (terra parda, escura, en contraposición ás terras areosas -brancas- ou arxilosas -rubias-), ou á das sombrizas augas do río, ou quen sabe. A posibilidade de estar relacionada coa deusa Neria -deusa dos sabinos e esposa de Marte- (que cunha metátese ben podería dar este "Neira") é moito máis remota, a menos que, como fai por exemplo Méndez Ferrín, acreditemos nas teorías de Antoine Meillet, quen postula a existencia no indoeuropeo dunha raíz *ner que significa "varón forte" e "mago" e daría o termo irlandés "nert", o galo "nerht" e os latinos "nerio" (Promontorium Neriun era Fisterra) e "nero" (o emperador Nerón, por exemplo), termos latinos dos que derivaría o noso nome Neira, así como os Neiro, Neria e Nerio doutros lugares de Galicia. O caso é que coa forma Neira documéntase xa no ano 982 (X. Pardo de Neira, 1998. páx. 52, ver "Bibliografía"). XUSÁ seguramente procede de "IUSANA", que ven do latín vulgar "IUSU" e significa "de abaixo" (evolución de "DEORSUM"), en contraposición, neste caso, coa outra Neira, a "De Rei", que sería "a de arriba" (levaría o nome de "de Rei" por ser de "reguengo", de dominio directo da coroa), para todo isto pódese ver X. Pardo de Neira (cit. p. 52).

BARALLA
pode ter a orixe etimolóxica en "varalia", (valado de varas), ou outro derivado de "vara" (armazón de varas...) seguramente por algunha clase de sistema defensivo ou de peche ou separación de fincas feito a base de estacas ou varas. Tamén podería estar relacionado con "varatio" (acción de cruzar ou vadear un río).

A toponimia e microtoponimia da zona contén infinidade de termos dunha extraordinaria riqueza léxica, algúns verdadeiras xoias en sonoridade e recendo etimolóxico. Pódense ver para isto os diferentes mapas, sobre todo o 1:25.000 do I.G.N. (aínda que contén moitos castelanzados), e tamén a sección "Cultura: a lingua".

 


(Nalgunhas fotos hai enlaces a album con
imaxes de maior tamaño e resolución)



Escudo de Baralla


Mapa comarcal




Mapa concellos e localidades


Mapa das parroquias

 

Vista do val desde o monte Pando

 


A zona de Aranza



O río oculto entre as árbores e aldea de Laxes

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 



















 

 

 


Valdoneira 2002-3, 06