![]() |
|||||||
|
A
web do val do río Neira
|
|
|
(Turismo
e rotas)
|
||||
| ROTA DOS ENXEÑOS FLUVIAIS Referímonos co nome de "enxeños fluviais" a unha serie de construccións, de diversos tipos e funcións, que responden ó proceso de humanización dos cauces de auga, é dicir, ó proceso histórico de aproveitamento por parte do home dos recursos que o río pode proporcionar. Son construccións que procuran obter enerxía (aproveitar a forza da auga), obter alimento (construccións para artes de pesca), ou aproveitar a auga mesma (sistemas de rego), e en moitos casos mixtas ("presas" ou canles de auga que serven para o rego dos prados, para enerxía para muíños e para "Arcas" de pesca). Os principais elementos destes tipos que nos podemos atopar no curso do Neira son: As "Calzadas" "Calzada" é a denominación que reciben nesta zona unha especie de muros pétreos, que se complementan con estructuras de madeira (estacas, canas e polas de árbores) dispostas transversalmente no cauce do río que teñen por misión desviar parte do caudal para unha canle que recibe aquí o nome de "presa". As "calzadas" (de "calzar", poñer calza, freo, neste caso ó caudal de auga, ou ben base, cimentos) reciben maioritariamente no resto de Galicia o nome de "caneiros", e poden ter dúas funcións: A de crear canles de auga para o regadío, ou a de crear unha barreira para os peixes. Estas barreiras existen moitas partes de Galicia, e poden ser de pedra, neste caso chámanselles "pesqueiras" ou "pescos", ou de pedra e ramaxe, os propiamente chamados "caneiros". Nos dous casos conducen os peixes cara a unha parte concreta do río, onde se sitúa unha rede chamada "boteirón" ou "bitirón". Esta práctica tradicional de pesca, principalmente destinada á captura das especies que fan a súa migración ó mar, como a lamprea e a anguía, (aínda que tamén á de troitas ou calquera outra clase de peixe de río), existe na desenvocadura do Ulla, na zona da Ribeira Sacra (onde queda o topónimo "Pesqueiras", pero non as pesqueiras, asolagadas polos encoros), e sobre todo no medio e baixo Miño (principalmente na zona comprendida entre Crecente e Salvaterra, na ribeira galega, e entre Padreada e Monçao na beira portuguesa). No Neira, as "calzadas" teñen unicamente a función do desvío da auga, pois aínda que existía unha arte baseada no mesmo principio que o das pesqueiras (conducir o peixe ata un paso estreito no que situar a rede), que se chamaba "durmente", estes están hoxe desaparecidos debido a que a súa factura era moi sinxela e pouco perdurable (xeralmente só de polas de árbore e ramaxe en xeral), os "bitirós" (así se lles chama aquí) no Neira situábanse no leito do río e non en pesqueiras. As presas son as canles ou regos que xorden de cada calzada e que conducen a auga que se empregará para o regado dos prados da ribeira, e tamén para os muíños e as arcas de pesca onde os hai. As "Arcas" Chámaselle nesta zona "Arcas" a unhas construccións de pedra, de forma rectangular, con lousado de pizarra a dúas augas, como pequenas casoupas, duns tres por dous metros nos lados e metro e pico de alto, mais ou menos. O nome venlles precisamente desa forma de arca, cubiforme. Están sempre situadas entre unha presa e o cauce do río, na cabeza da presa, preto da calzada, onde hai aínda un importante caudal de auga e entra a pesca (cara ó cabo da presa o caudal é cada vez menor e a presencia de peixes escasa). A súa función é a captura de troitas e anguías (estas mentres as houbo, que desde a construcción dos grandes encoros do Miño practicamente non sobe ningunha, sabido é que precisan dunha migración ó mar para reproducírense, e que as canles que lles fixeron para o remonte dos encoros non son en absoluto eficaces). O método de captura é moi sinxelo: nunha das caras da arca hai unha entrada para a auga da presa, que cae no seu interior sobre unha base de barrotes de madeira que a deixan coar por entre eles, pero non os peixes, que quedan atrapados sobre esta base. A auga que cae é recollida por unha canle inferior que a conduce de novo ó río. Tense apuntado a hipótese dunha orixe romana para estas construccións, (de feito popularmente chámaselle "arcas romanas") o mesmo que para as pesqueiras do Miño, pero non hai constancia histórica deste dato. Na Idade Media hai documentos nos que se fai mención a privilexios que autorizan a construcción de postos fixos de pesca feitos con muros de pedra, pero non expresamente ás "Arcas" do Neira. A singularidade (e polo tanto importancia, polo menos do punto de vista etnográfico e de cultura material, e aínda paisaxístico) destas construccións é que só existen no curso do Neira (alomenos non temos noticia de construccións iguais noutras zonas). A súa situación actual é, pese a esa singularidade, de total abandono, algunhas xa sen lousado e medio esborralladas, outras aínda en bo estado de conservación, pero é só cuestión de tempo a súa definitiva ruína, pois está totalmente prohibido o seu uso e non hai axudas para o seu mantemento ou conservación (a administración só se dirixiu ós seus propietarios a través da Garda Civil, e para ameazar con fortes sancións se se poñen en funcionamento). Inicialmente as Arcas foron propiedade de casas fortes, rectorais, etc, e igual que outros bens, como os muíños ou os regos, foron transmitidos de xeración en xeración, vendidos, permutados, legados... pero radican nun terreo de dominio público (a beira do río ou presa, aínda que sexa nun prado particular), e están efectadas pola lexislación actual sobre recursos hídricos e protección ambiental. Lamentablemente toda esta lexislación tende a impedir o seu uso ou a diluír os dereitos de propiedade, co conseguinte efecto de desinterese e abandono dos donos, e non a incentivar a súa conservación. Os Muíños ou Aceñas Contrariamente ó que ocorre noutras partes de Galicia, nas que os muíños son de pequeno tamaño e de uso particular, ben por un único dono, ou ben por varios, no Neira (ó igual que noutros sitios, aínda que en conxunto este sistema sexa minoritario en Galicia) a maioría das aceñas son construccións grandes, xeralmente con dúas moas, con peneiras tamén accionadas pola forza da auga, e dun único propietario, pero de uso público, é dicir, son un negocio no que o propietario cobra polo seu uso, xeralmente en especie, a "maquía" (unha porcentaxe do gran que o cliente trae a moer). Sitúanse, como as arcas, preto da cabeceira dunha presa, aproveitando esa canle de auga, entre a presa e o río, ó que devolven auga unha vez utilizada. Compóñense dos seguintes elementos principais: O estanque no que se encora unha masa de auga abonda para mover os mecanismos; unha comporta que a retén ou libera cando se pon en funcionamento; unha canle que a conduce a un rodicio, que é un sistema de aspas de madeira que obtén enerxía mecánica (xiro dun eixo) da forza da auga; a moa, que consta de dúas pedras cilíndricas de ata 2m. de diámetro, nas que a superior xira (o rodicio transmítelle o movemento polo o eixo) e machaca sobre a inferior a gra; a moxega, un recipiente de madeira e forma troncopiramidal invertida no que se deposita a gra e que a vai deixando caer á moa pola quenlla; a peneira, tamén accionada pola forza da auga, que cun movemento rítmico permite o cribado que separa a fariña do salvado, e infinidade de elementos e pezas menores. Ver "Sección alzado", "Detalle de mecanismos" e "Moxega", correspondentes a un proxecto de rehabilitación dun muíño en Collantes, obra do deseñador J. M. Del Río publicada na revista "Intro". As Ferrerías e os Mazos Na zona do Neira houbo bo número de ferreiros, permanece
mostra na toponimia e na microtoponimia, nos nomes de casas, en instalacións
ou obradoiros conservados, e na propia memoria, pois existiron en
actividade ata non hai moito. Estes eran ferreiros "de forxa",
fraguas, (algunhas situadas na beira do río pois aproveitaban
a forza da auga para mover as moas de afiar, pero non necesariamente),
pero hai tamén rastro toponímico e documental de "mazos",
uns aparellos hidráulicos que aproveitan a forza da auga para
accionar unha especie de grandes martelos que serven para o traballo
do ferro (para batelo) nas fundicións artesanais que existiron
en moitos ríos, especialmente na zona do Courel e arredores,
e tamén arredores dos Ancares e cara a Asturias. No Neira hóuboos
zona de Neira de Rei (aldeas de "Os Mazos", "Busto"
e "Papin"), pero non queda apenas rastro material deles,
aínda que si documental e bibliográfico, por exemplo
Villa-Amil y Castro, (1886, páx. 459), Madoz (1849), o catastro
de La Ensenada, etc. recollen a existencia de dous "martinetes"
en Neira de Rei (e citan un máis "non autorizado")
e outro "macho" en Papín (Penarrubia). Funcionaron
probablemente desde o século XVIII ata preto da fin do XIX.
Para máis información ver Clodio González Pérez,
1994, especialmente páxinas 140-42 (para tódalas referencias
citadas ver "Bibliografía") As "fábricas da luz" Outro "enxeño" que a mediados do século XX deixou pegada no Neira foron as "fábricas da luz", varias minicentrais eléctricas que deron servicio ós veciños próximos ata que nos anos 60 chegaron as liñas de FENOSA. Entre Aranza e Laxes (onde agora está a piscifactoría, ver logo "itinerario"), e en Valdriz e Marzán (xa preto da Pobra) quedan os vestixios destas antigas factorías. ROTA PARA COÑECER ESTES "ENXEÑOS DA AUGA" Hoxe en día os elementos descritos perderon case por completo a súa función e importancia económica, e é difícil imaxinar os tempos en que algúns muíños (o de San pedro en Láncara, por exemplo) traballaban día e noite, con ringleiras de xente agardando para moer, e eran por tanto lugar de reunión e de desenvolvemento do folclore -a "muiñeria" por ex.-, ou a importancia dos durmentes e as arcas, o que supoñía a captura de troitas para o consumo e a venda, ou comprender a transcendencia das calzadas e as presas para o regadío dos prados, como indican as nalgún tempo frecuentes disputas pola "vez" no regado... pero na actual situación estas construccións teñen, pola contra, grande valor etnográfico, e tamén histórico e artístico, e sobre todo, para a sensibilidade de hoxe, paisaxístico e ambiental, ubicadas como están en contornos fluviais con riquísima flora e fauna, e nun medio rural en plena transformación, pero do que quedan aínda testemuños, coma estes, das formas tradicionais de aproveitamento dos recursos naturais. Unha rota que permita coñecer algunhas destas construccións terá polo tanto interese desde o punto de vista da etnografía e as artes populares, pero tamén o interese engadido do contorno paisaxístico e natural. En todo o curso do Neira se poden atopar calzadas, presas e muíños. Tamén houbo bastantes ferrerías (hoxe ningunha en funcionamento), aínda que non necesariamente na beira do río, os mazos existiron na zona de Neira de Rei (a aldea de "Os Mazos"). As Arcas concéntranse sobre todo na zona de Laxes e Cobas (Covas na toponimia oficial), pero hainas por todo o río. Unha posible Rota para coñecer exemplos de tódolos
elementos descritos, agás os mazos, sería a seguinte:
|
|
||
|
Turismo,
rotas... |
|||
|
|
|||
|
|
|||
| Valdoneira 2002-3 |