A web do val do río Neira
(Turismo e rotas)

ROTA DO ROMÁNICO RURAL DO VAL DO NEIRA


Arredor do curso do río Neira hai un bo número de construccións románicas, ou medievais en xeral, que aínda que non son illadamente elementos monumentais singularmente destacables, constitúen un conxunto moi atractivo, sobre todo desde o punto de vista da arquitectura rural, e amosan formas que na súa modestia constructiva testemuñan a vitalidade pasada destes núcleos rurais, e o espallamento e evolución estilística do románico fóra dos grandes centros irradiadores (Compostela, o cercano Camiño Francés...), amén do propio interese artístico, sempre de imposible cuantificación obxectiva.

A rota que describimos engade ó dito un indubidable interese paisaxístico, existindo na zona fermosas fragas e soutos de especies autóctonas, e unhas marxes do río poboadas de amieiros, olmos, salgueiros...

ITINERARIO

Pódese facer un percorrido seguindo, con pequenos desvíos, o curso do río desde preto do seu nacemento ata a desembocadura no Miño, ou evidentemente ó revés se nos vai mellor.

Podemos partir saída da autovía A6 (A Coruña-Madrid) indicada "Neira de Rei, Baralla, Baleira", que nos conduce a Neira de Rei, onde atoparemos a "Igrexa de San Martiño de Neira de Rei" e a "Ponte de Os Mazos", logo iremos ata Baralla para coller a estrada Nacional VI cara a Becerreá, a uns 5 km atoparemos un desvío a "Sta. María de Penamaior" que aínda que queda bastante afastada do curso do río, e polo tanto do val que usamos de referencia, é merecente de visita.

Volvemos novamente á vila de Baralla, e collemos a estrada LU-621, que vai a Láncara e Pobra de San Xiao seguindo a marxe dereita do Neira, e arredor da que estarán a maioría das construccións que citemos. A 5 Km de Baralla atoparemos á esquerda unha pista asfaltada, cun sinal que indica a Penouta e Berselos, que nos levará a "San Martiño de Berselos". De novo na estrada cara a Láncara, a uns 500 metros (á altura do punto quilométrico 16) outro desvío, este sen sinalizar leva á "Igrexa de Santiago de Covas", e desde alí podemos dar un paseo polo río ata a "Ponte de Covas" (uns 200m augas abaixo), que está moi preto da igrexa parroquial e situada nun fermoso contorno. Tamén se pode ir volvendo á estrada e collendo outro desvío que un Km despois indica "Acevido" e "San Andrés" (Santandré), de ir en coche hai que facelo necesariamente dando este rodeo. Pola banda contraria do río, augas arriba da ponte, podemos achegarnos ata un frondoso bosque da carballos e castiñeiros, unha aceña, e unha calzada situada ó pé dunhas rochas que caen sobre o leito do río.

De novo na estrada LU-621, imos ata Láncara, onde se pode visitar o "Pazo de Láncara" e máis a "Casa grande" que foi dos Osorios e está convertida en establecemento de turismo rural (ver máis: ligazóns"). Un km despois de Láncara collemos o desvío que leva a Sarria, a uns 300m atoparemos a ponte nova sobre o Neira, e a escasos metros augas abaixo a medieval "Ponte de Carracedo". Seguindo en dirección a Sarria chegaremos ás modestas construccións de "San Pedro de Armea" e "Sta Mª de Touville".

Volvemos á estrada Baralla-A Pobra, seguimos ata Vilaleo, e alí collemos un desvío á dereita ata "San Salvador de Toirán", regresamos á estrada da Pobra e seguimos ata "San Pedro de Bande", e un quilómetro máis adiante veremos, ó lado da estrada, a igrexa de "Sta María de Neira de Cabaleiros". Moi preto xa chegamos á Poboa de San Xulián, collemos dirección Lugo, e en Maceda á esquerda unha estrada rural ata a "Ponte de Neira", onde ademais da ponte temos un par de restaurantes, un merendeiro, e preto dela o conxunto etnográfico e natural (e establecemento de turismo rural) "A fervenza", este xa no Miño e formando parte da Reserva da Biosfera "Terras do Miño" (ver máis: ligazóns").

Á marxe desta rota, pero relativamente próximas, existen outras pequenas igrexas con restos ou partes románicas, na estrada que vai de Carracedo á Pobra, pero pola outra marxe do río están as de "San Xoán de Muro" e San Martiño de Oleiros, e pasada a Pobra, na estrada da Ponte de Neira, a de Santiago de Camposo, e aínda outras non citadas, pois isto non é un listado exhaustivo nin unha análise pormenorizada da arte da zona, senón unha mera suxestión dunha rota para descubrir e adentrarse neste val, (quen teña maior interese pode consultar a pouca bibliografía existente), para información de cada un dos elementos citados ver seccións "Arte: igrexas" e "As Pontes", ver tamén se se quere "Os pazos e casas grandes", que non son románicos nin medievais, pero quedarannos moitos de camiño.

Para orientarse ver "plano de elementos de patrimonio" e a folla 98 do Mapa Topográfico Nacional escala 1:50.000.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 


Ponte de Covas

 

 

 


Ponte de Carracedo

 

 


Ponte de Neira

 

 


San Xoán de Muro

 

 


Plano Patrimonio

Turismo, rotas...

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 


   

Valdoneira 2002-3