 |
|
A fauna do val do Neira é evidentemente a común en toda
a Galicia interior, cunha distribución e frecuencia das especies
xa propia das zonas de montaña. Enumeraremos as máis frecuentes
ou habituais, sen ánimo de facermos un catálogo exhaustivo.
-Mamíferos:
Xabaríns (Sus seroja) dos que hai incluso
unha superabundancia que causa problemas nos hortos e leiras.
Raposos (Vulpes vulpes), aínda bastante
frecuentes.
Corzos (Capreolus capreolus) e cervos
(Cervus elaphus), abundantes os primeiros e moi raros os segundos.
Lobo (Canis lupus) realmente hoxe en día
moi difícil de ver, pero foi común nestes montes, e a
memoria popular garda del innumerables noticias.
No monte, como especies cinexéticas, hai lebres
(Lepus capensis) e coellos (Oryctolagus
cuniculus).
Outros mamíferos máis pequenos son o porco teixo
(Meles meles), do que hai memoria de cando se comía
a súa carne, a garduña (Martes foina),
a xeneta (Genetta genetta) e a marta
(Martes martes), leiróns (Eliomys
quercinuse e Glis glis), donicelas (“gunicela”
se lle chama aquí, é a Mustela nivalis), ourizo
gacho (ou “urizo”, Erinaceus europaeus),
furón (Mustela putorios), morcegos
(varias especies dos xéneros Myotis e Rhinolophus),
esquío (Sciurus vulgaris, en aumento
desde hai uns vinte anos), toupa (“toupe”
se lle chama aquí, Talpa occidemalis ou europaea),
lontra ("lóndriga" é o seu
nome local, Lutra lutra), varias clases de ratos
e ratas, e algúns outros pero máis raros
ou difíciles de ver.
-Peixes
e fauna do río:
Troitas (Salmo truta), e agora sobre todo
troita americana “arco-da-vella” (Salmo irideus),
polas repoboacións que fan con vistas á pesca deportiva,
anguías (Anguilla anguilla) case desaparecida
por completo desde a construcción dos encoros do Miño,
cangrexos de río, dos que había antigamente
algún autóctono, logo houbo un tempo de moita abundancia
do americano, introducido nos anos setenta, e hoxe desapareceron os
dous precisamente por unha enfermidade traída polo americano.
-Anfibios:
Píntegas, salamántigas ou pinchorras
(Salamandra salamandra), sapos e sapiños
(varias especies dos xéneros Bufo, Alytes,
Pelobates…), ras (varias especies dos
xéneros Hyla e Rana), tritóns
ou limpafontes (varios do xénero Triturus)...
-Réptiles:
Escánceres (o que máis hai aquí
é o que non ten as patiñas, o Anguis fragilis),
lagarto (Lacerta schreiberi) e lagarto
arnal (Lacerta lepida); lagartixas
(Podarcis bocagei), culebras (Malpolon
monspessulanus, Elaphe scalarix), culebras de auga (Natrix
natrix, Natrix maura), víboras (a “de
seoane”, Vipera seoanei, é a que hai nesta zona)…
-Aves
e paxaros:
Pega negra (Pica pica), pega marza
ou “regordá” (Garrulus glandarius), paporrubio
(Entjacus rubecula), pardal (Passer domesticus),
abelleiro (parus sps), carrizo
(Troglodytes troglodytes), verderolo (cardeulis
sps), merlo (á femia chámaselle
aquí “cochorra”, Cindus cindus), peto
(Picus viridis), tordo (Turculus sps.),
corvos (Carvus cara)... No monte hai perdices
(Alectorix rufa e Perdix perdix), pero dependen da súa
repoboación con fins cinexéticos, aínda que ás
veces as hai nidificantes. Propias do río e os seus arredores
son as pitas de auga (Gallinula chloropus,
“pita brava” se chama aquí) e as lavandeiras
(Motacilla alba)
-Aves
“de paso” e migratorias (estacionais):
Son ocasionais a garza real (Ardea cinerea)
e algúns parrulos (varias anátidas ou
palmípedas), que ás veces percorren o río na procura
de comida. Pasan toda a primavera e parte do verán as cegoñas
(Ciconia ciconia, abundante nos últimos tempos, sobre
todo na zona de Láncara, pero ocasionalmente en todo o val),
os paspallás (“pazpalló”
se chama aquí, Conturnix conturnix, hoxe moi escasos),
os pombos (Columba sps. e Calumba palumbus),
as rolas (Streptopelia turtur), os cucos
(Cuculus canorus), o ouriolo (Oriolus
oriolus), os xílgaros (Carduelis carduelis),
os reiseñores (Luscinia megarhynchos)
as andoriñas (Hirundo rústica
e outras deste xénero, cada vez máis infrecuentes), a
bubela (Upupa epops), e outros máis.
-Aves
rapaces:
Miñato (Butelo butelo), azor
(Accipiter gentilis), e gabián (Accipiter
nisus) pero “miatos” se lles chama popularmente aquí
ás tres especies. Xa moito menos frecuentes (excepcionais se
diría) son o lagarteiro (Falco tinnunculus)
e algunhas aguias e falcóns.
-Aves
Nocturnas:
Moucho (Athene scops) e curuxa
(Tyto alba), e máis escasos os bufos
(Bubo bubo e Asio otus).
Hai,
por último, sabandixas (nas fontes, Trituros
sps), caracois e algúns bivalvos
(no río), e moitos insectos das especies habituais
no noroeste peninsular: avespas, abellóns, vacalouras
("escornabois" lles chamamos aquí), bolboretas,
cabaliños do demo (Calopteryx virgo, da que
a larva, chamada aquí "gusarapa" se usaba como cebo
para pesca da troita)...
|
(Nas fotos hai enlaces a
album con
imaxes de maior tamaño e resolución)

Porco Teixo

Raposo morto ó pé da estrada

Merlo ("cochorra")

Pega Negra

Pombo

Vacaloura (Escornabois)
|
|