A web do val do río Neira
 
Medio físico
Fauna
 
(Xeografía e medio)


A FLORA E A PAISAXE

Pola climatoloxía (latitude, altitude...) e os solos acedos, a vexetación de toda esta zona é de tipo “eurosiberiano”. A “vexetación clímax” (a “vexetación potencial” nunha situación ideal sen influencia do home) do val do Neira sería o bosque mixto con predominio do carballo (Quercus Robur), pero a situación real é unha paisaxe moi humanizada, como corresponde a unha forma de vida e unha economía agrícola e gandeira.

As masas boscosas, sobre todo as carballeiras, antigamente debían ocupar boa parte do territorio, pero perderon moito espazo. Isto ocorre xa desde a idade media (medieval é a fundación de moitas das aldeas, ver o apartado referido a igrexas románicas), e cobrou forza co aumento demográfico da Idade Moderna (ver ese apartado), era daquela para a roturación de agros e “cavadas” para botar centeo. Nos séculos XIX e XX, aínda coa emigración e a perda demográfica (ver), houbo novas cortas de bosque para facer “apradados” (prados novos, xeralmente sen auga de regar), necesarios para manter o crecente número de vacas. Nos últimos anos o bosque autóctono perde terreo polas plantacións de piñeiros -e algunhas de eucaliptos-, e vaise reducindo a matas nas ladeiras baixas dos montes.

Os bosques están formados, amais de polos carballos, por un conxunto de árbores e arbustos en proporcións variables: abelairas (Corylus avellana), abidueiros (Betula celtibérica, abundante sobre todo nas ladeiras umbrías orientadas ó norte, as do lado sur do río Neira polo tanto), acivros (Ilex aquifolium “xardón” se lle chama hoxe aquí, aínda que na toponimia hai “Acevido”), loureiros (Laurus nobilis, abundantes en certos lugares onde forman pequenos bosques, e máis frecuentemente mesturados con castiñeiros), cerdeiras “groiñeiras” (Prunus avium, as bravas que nacen espontaneamente), e moitas outras plantas xa de menor porte, como a xarda (Ruscus aculeatus) coa que se fan aínda hoxe vasoiras, pois as súas duras e picudas follas son axeitadas para varrer os chans terreos ou de cemento. Nas carballeiras, e illados polos montes hai, amais do “Quercus Robur”, aínda que en moito menor número, cerquiños (Quercus pirenaica) e caxigos (Quercus faginea). Finalmente, nos bosques da zona son aínda abundantes os castiñeiros (Castanea sativa), e hai algúns exemplares impresionantes (e tamén de carballo), ás veces en formacións algo numerosas, pero máis frecuentemente de forma illada polos bosques ou nas beiras das fincas.

Os soutos de castiñeiros constitúen un espazo -case un hábitat- especial, pois mentres estiveron ben coidados (rozados, repolados... e se enxertaban a maioría dos exemplares) eran bosques monovarietais destinados ó aproveitamento da castaña e a madeira, pero hoxe están pouco ou nada limpos e presentan unhas características semellantes ás das carballeiras, invadidos de silveiras e con semellante presencia de outras árbores e arbustos. A castaña foi un producto básico na dieta ata a chegada da pataca (ver este apartado en “gastronomía”), pero aínda así non perdeu a súa importancia ata mediados do XX. Mostra deste interese polas castañas son as “uriceiras” ou “ouriceiras”, pequenas construccións aínda visibles –arruinadas- no medio dos soutos. Constan dunha parede (de ata un metro de alto como moito, e que aproveita ás veces algunha rocha ou un desnivel do terreo), que rodea un espazo circular (duns 2-3 m. de diámetro) no que se amontoan, conservan, e finalmente pisan para debullar, os ourizos.

Os piñeirais son todos froito de plantacións, aínda que hai piñeiros “do país” (Pinus silvestris) algúns polos montes nados de forma espontánea, a maioría son piñeiro de Oregón (Pinus radiata, “insinios” é como se lles chama aquí) plantados a partir dos anos setenta.

Froito da abundancia de bosque e de especies forestais, desenvolveuse en Baralla unha certa industria de primeira transformación da madeira (varias serras –aserradeiros-), que, xunto coa propia corta das árbores, proporciona algúns postos de traballo.

Gran parte do monte e terreos baleiros non están ocupados por bosques, senón por xesteiras (xestas amarelas, Cytisus scoparius ou stiatus, e xestas brancas, Cytisus multiflorus), toxeiras (Ulex europeus, e tamén os chamados aquí “toxos da mariña”, Ulex minor, introducidos adrede para o uso como estrume, por seren máis mansos que os outros, e ambos tiveron un aproveitamento intensivo para as cortes dos animais ata que se introduciron os establos), silveiras (Rubus ulmifolius), fentos (varias especies do xénero Davillia), e en menor medida por piornos, codesos e outras especies. Nas partes máis altas predomina o monte baixo de uces (Erica sps.) e carqueixas (“carpanzas” tamén se lles chama, Chamaespartium tridentatum).

Na beira do río, e nos regatos que o alimentan, hai unha vexetación específica. En canto a árbores abundan os amieiros (Alnus glutinosa), os salgueiros (Salix atrocinerea), e variedades de chopos e olmos (Populus nigra, Populus alba...). Hai varias especies de fentas e mofos que nacen nas beiras húmidas, igual que as espadañas (unha das máis vistosas é a Typha latifolia, de fermosa flor). Xa dentro do río hai varias clases de algas (“oucas” se lles chama, a máis abundante é a Ranúculus peltatus).

Hai un bo número de árbores froiteiras, pois a suavidade climática das zonas baixas permite que se dean ben as nogueiras, as cerdeiras, as figueiras, os mazairos (maceiras), as pereiras, os fatóns e algunhas clases de pexegos, ameixas e cirolas... algunhas delas castes locais que se están perdendo, pois vai desaparecendo a “arte” de enxertar e o pouco que hoxe se planta é de especies mercadas de viveiros.

Entre as pequenas plantas silvestres pódense citar, a modo de exemplos, a nébeda (de tradicional uso medicinal), o amorodo (Fragaria vesca, o amorodo silvestre que aparece nas marxes dos bosques e as beiras dos camiños, e dá uns froitos pequeniños pero moi soborosos). Existen varias clases de narcisos de montaña, un deles, o Narcisus asturiensis, está en perigo de extinción. Dos arandos (Vacinum myrtillus) hai xa só recordo de lugares onde os había (carballeiras e bosques en zonas altas de monte, onde os nenos ía coller os seus froitos), pero xa non se atopan... Curiosa é a rorella (Drosera rotundifolia), unha planta insectívora que aproveita o nitróxeno dos insectos: atráeos coa súa flor para que caian na cunca formada polos pétalos, e vanse disolvendo na pociña de auga que a chuvia ou o orballo acumulan neste “bandullo” (“plantas odre” se lles chama).




(enlaces en fotos a album con imaxes
de maior tamaño e resolución)

 

Prados de As Veigas e monte Pando no inverno

 

 

Carballeira e "bosque mixto" no outono

 

"Carochas" de vellos castiñeiros

 

 

Un souto de castiñeiros no inverno



Mazairos en flor nas lindes de prados e fincas

 


Olmos na ponte de Covas

 

Oucas (algas) floreadas

 

As flores dos nabos anuncian a fin do inverno

 

 

 

 

 

 


 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

   

Valdoneira 2006-7