 |
|
1.- DESCRICIÓN XEOGRÁFICA
O río Neira nace na Fontaneira (serra do Portelo,
o Cádavo), atravesa de Nordeste a sudoeste os concellos de Baralla
e Láncara, e desemboca no Miño, moi preto da Ponte de
Neira, e da confluencia dos concellos de O Corgo e O Páramo.
Nos seus 56 km de lonxitude recibe as augas dun bo
numero de afluentes, entre os maiores están, pola dereita, o
rego de Vale (ou “Pedroso”), o rego da Pena, o Xenil, o
Rego de Vilachambre (ou “Guimarei”), o Rego Áspora
(ou “das Cabreiras”), o rego do Val (ou “de Crescón”),
e o río Tórdea. Pola esquerda os regos de Busto, O Furco,
A Pena, As Veigas, o Armiela, o río Sarria (ou “Samos”),
os regos de Batán e Vigo da Fonte, e outros moitos aínda
máis pequenos.
Os rebordos da conca do Val do Neira fórmanos
polo norte os montes do Portelo, os Montes da Lagúa e da pena
(942 m, altura máxima do contorno), a serra do Picato e o Rañadoiro
(850-890 m.), xa no Corgo a única altitude reseñable é
o Monte das Madorras. Polo sur A Pena do Pico (Penamaior, Becerreá,
1182 m.), os montes de Vilaesteba (888 m.), A Ílloa (624 m.)
e xa altitudes menores cara o val do Sarria e O Páramo.
Dos 940 m. de altitude da Fontaneira ós menos
de 400 m. da desembocadura no Miño, o río percorre un
amplo espazo de transición entre as montañas orientais
e as chairas do Miño e do val de Sarria. O curso alto parte das
estribacións dos Ancares, atravesa o Val de Neira de Rei e achégase
á localidade de Baralla. No tramo medio o río remansa
en pequenos meandros que serpean suavemente entre os amplos prados,
agros e pastizais das parroquias de Baralla, San Estevo, Pousada, Aranza...
Despois de Pousada alterna varios pequenos canóns e pequenos
vales que dan espazo a prados e agros: en Laxes e Ribadeneira, logo
en Covas, Traspena, e Raríz. Despois do pequeno canón
de Vilasantán comeza o amplo val de Láncara, onde atravesa
con calma Os Vaos e San Pedro. No curso baixo volve encaixarse por veces
entre as montañas, desde Carracedo á Pobra. Logo, ata
a desembocadura no Miño, discorre entre chairas de fincas labor
e pastizais (e cada vez máis plantacións forestais).
2.- XEOLOXÍA
O val do Neira transita entre unha área de granitos
de dúas micas hercínico (ó norte) e áreas
de depósitos de areas e arxilas (depresión de Sarria,
terrazas do Miño). Na maioría do val os materiais máis
frecuentes son as pizarras compactadas paleozoicas, algo menos sono
as areíscas, as cuarcitas e os xistros, e xa máis escasos
e localizados os granitos, que forman ás veces bolos ou “penedos”.
Hai tamén algunhas calcitas, e de feito hai aínda ruínas
de algúns “fornos do cal” nos que se obtiña
artesanalmente este material de construcción.
Nas zonas afundidas das depresións de Lugo e
Sarria, a finais da era Terciaria e no cuaternario, depositáronse
arxilas e areas que formaron depósitos nas terrazas do Miño
e no curso baixo do Neira, sobre todo no val de Láncara e na
zona da desembocadura na Pobra-Ponte de Neira, depósitos tamén
recentes que a erosión do propio río Neira seguiu acumulando.
Os depósitos do cuaternario formáronse en fases de clima
árido e frío, que provocou a escaseza de vexetación
que facilitou unha forte erosión.
A ultima fase glaciar, a de Würm (que rematou
hai uns 10.000 anos), deixou tamén rastro na xeoloxía
da zona, moi manifesta nos Ancares e perceptible nalgúns montes
circundantes do curso alto do Neira.
O relevo, dado que os materias son moi antigos, está
fortemente erosionado, os cumes dos montes son redondeados e as formas
suaves, aínda que existen pendentes bastante acusadas e zonas
abruptas, froito ás veces dos amplos sinclinal e periclinal do
pregamento de Baralla.
3.- O CLIMA
O clima do val do Neira é oceánico cun
marcado matiz de continentalidade. Presenta certas diferencias internas
debidas ás moi diferentes altitudes existentes ó longo
do val, aparecendo caracteres de transición entre a meseta luguesa
e as serras orientais (terreo de “media-montaña”
en Baralla e a parte oriental de Láncara) e caracteres das depresións
e chairas do Miño e Sarria (zonas baixas de Láncara, na
Pobra e a Ponte de Neira). A altitude determina sobre todo un clima
máis frío e propenso ás nevaradas (máis
frecuentes por riba dos 600-700 m.), aínda que as mínimas
de inverno son xeralizadamente baixas, con xeadas frecuentes en todo
o val. É tamén ampla en toda a zona a oscilación
térmica, sobre todo no verán, onde pode haber días
de moita calor ós que sigan noites ben fresquiñas.
Datos de temperaturas, con medias aproximadas para
o conxunto do val:
Temperatura media anual: 11º C
Temperatura media anual das máximas: 16º C
Temperatura media anual das mínimas: 7º C
Temperatura media mes máis cálido (xullo): 20º C.
Temperatura media do mes máis frío (xaneiro): 5º
C.
As precipitacións son normalmente abundantes
(rebasan ó ano os 1.100 mm.), e localizadas no inverno, pero
tamén na primavera e outono. Un fenómeno meteorolóxico
común en todo o curso do Neira son as néboas, sobre todo
nocturnas e ás primeiras horas da mañá.
|

Altitudes aproximadas da zona do Neira

Prados, cultivos e montes redondeados con bosques
de carballos e piñeiros rodean as aldeas (Quintá)

Mapa Xeolóxico

Monte de San Cibrao nevado

Un hórreo en Vilartelín
|