Igrexa de Penarrubia
Áchase na actualidade nun estado lamentábel de conservación.
Consta do corpo da igrexa e torre. O seu conxunto externo está
presidido polo equilibrio arquitectónico, que se consegue coa
sucesión de volumes a varias alturas e coa disposición
harmónica dos vans. No exterior, as paredes encaladas ocultaron
desde hai moitos anos a cantería e a cachotaría. Actualmente,
con motivo das obras de restauración do tellado, descubríronse
algúns dos seus muros da capela maior e da torre.
Torre. Organízase en tres corpos: o inferior, cúbico
e robusto, presenta tres accesos a ras de chan nas súas caras
norte, sur e oeste, que serven de acceso a un reducido e funcional
pórtico resgardado da intemperie desde o que se accede á
nave central da igrexa a través dunha porta alintelda.
O corpo medio, de vans alintelados nas caras norte e sur e fiestras
xemelgas con arcos de medio punto nas caras oeste e leste, alberga
a maquinaria dun reloxo de pesas. Até hai poucos anos este
corpo remataba nunha balaustrada, que non se reconstruíu cando,
por iniciativa dos propios veciños, se realizaron as obras
necesarias por mor do seu estado ruinoso.
O terceiro corpo, recentemente reconstruído, remata nun chapitel
de liñas arquitectonicas foráneas, coas paredes de tixolo
sen recebar. Os vans leste e oeste, ambos en arco de medio punto,
soportan cadansúa campá: a occidental, de maior tamaño,
é a que se emprega habitualmente para convocar ao culto; a
oriental, toca as horas que marca o reloxo. Na cara leste do chapitel
loce a esfera horaria.
Interior. O interior ofrece planta de tres naves: a central,
case de duplo tamaño que as laterais, está recuberta
de bóveda de canón, mentres que as laterais son de aresta.
Lonxitudinalmente, o lado norte consta de catro tramos separados por
piares sobre os que descansan pilastras que soportan os arcos faixóns
e os formeiros, rompéndose a simetría no lado sur, que
consta de tres tramos. O presbiterio, elevado, solemne e cuberto no
exterior a catro augas, no seu interior prolonga a bóveda de
canón da nave central e o seu perímetro está
unido por unha imposta corrida.
O retablo da capela maior é neoclásico. Nos primeiros
anos da década dos sesenta foi repintado por mans totalmente
inexpertas con xaspeados de mal gusto. No seu ático ofrece
unha pintura dun crucificado ao óleo sobre madeira tamén
lamentabelmente estragada polo mesmo pintor que coloreou o retablo.
A única talla que merece algún interese é unha
santa Lucía, situada sobre unha peaña enriba da porta
sur que dá acceso á sancristía.
O retablo da nave sur é unha boa manifestación
barroca. Foi pintado no ano 1767. Está dourado e consérvase
en bo estado malia o deterioro prolongado da teitume que veu filtrando
augas e humidades desde hai moitos anos. Presenta estípites
como elementos substentantes e consta dun corpo de tres fornelas e
un ático. As tallas que o compoñen son de boa calidade:
unha Virxe do Carme, que preside, un san Alberte Magno, que, polo
deterioro presenta o toco da súa man esquerda, e un san Franco
de Siena, cabaleiro disoluto que é castigado coa cegueira polos
seus pecados e que, unha vez conseguido o perdón, peregrina
a Compostela e ingresa na orde carmelita. No sagrario hai dous gravados
que representan as ánimas do purgatorio.
O retablo da nave norte, máis sobrio, tamén con
estrutura de tres fornelas e un ático, presenta elementos barrocos
mesturados con algúns indicios xa neoclásicos. Está
presidido pola talla de san Antonio. As outras imaxes son as de san
Ramón e san Roque, todas elas de menor interese artístico.
Lamentabelmente, á talla de San Roque fáltalle desde
hai pouco tempo o cadelo que lle lambía a chaga da perna. Na
parte superior estaban as imaxes dos santos Pedro e Paulo, tamén
desaparecidas. Tamén se recorda entre os veciños a existencia
da talla de San Blas, actualmente en paradoiro descoñecido.
Nos pés da igrexa, adosada ao primeiro piar, na última
arcada que separa a nave central da norte, localízase unha
fermosa a pía bautismal decorada con figuras xeométricas
na cunca e con figuras antropomórficas no pequeno fuste que
a sostén.
Até principios dos anos sesenta do século pasado tamén
existía un púlpito de pedra, situado no lado do evanxeo
do presbiterio, que foi desmontado. Algunha das súas pezas
aínda se poden localizar no adro.
Autor: Eduardo Álvarez
(edualvarez@edu.xunta.es)